Ir o contido principal

VIII Congreso de Etoloxía Clínica

9/3/2024 - 9.00 horas

O Grupo Universitario de Etoloxía Clínica Aplicada da USC cita este sábado, a partir das 9.00 horas, máis de 150 participantes nunha reunión científica na que interveñen como relatores catro diplomados europeos en Benestar Animal e Medicina do Comportamento

Facultade de Veterinaria en Lugo
Facultade de Veterinaria en Lugo

O Grupo de Etoloxía Clínica Aplicada da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC cita esta fin de semana máis de 150 participantes, entre alumnado, docentes, profesionais e persoas interesadas no estudo do comportamento e na conduta dos animais nunha reunión científica orientada a informar e dar a coñecer diferentes aspectos da conduta e do comportamento dos animais.

O decano da Facultade de Veterinaria da USC, Gonzalo Fernández Rodríguez, abre este sábado, a partir das 9.00 horas, no auditorio do centro universitario, o congreso cun breve acto de benvida aos participantes inscritos. De seguido, o diplomado europeo de Benestar Animal e Medicina do Comportamento Tomàs Camps abrirá a palestra de intervencións cun relatorio baixo o título ‘Educando o cachorro, da dominancia á confianza’.

As particularidades que presenta cada animal e a posible influencia xenética e ambiental, entre outros factores, no seu comportamento centrará a temática da intervención de Xavier Manteca, un dos catro diplomados europeos en Etoloxía Clínica convidados a participar neste foro, no que María Amat tratará os axentes causantes da agresividade dos gatos, mentres que a profesora da USC e facultativa veterinaria do Rof Codina Ángela González falará sobre os factores de risco asociados co estrés.

Os gustos do gato, o comportamento dos réptiles, a curiosidade das orcas e a importancia de coñecer a etoloxías das aves rapaces para manter o seu grao de benestar son as liñas temáticas que abordarán Pablo Hernández, Óscar Beceiro, Alfredo López e Antón Fernández neste foro en quenda de tarde.

O VIII Congreso de Etoloxía organizado polo Grupo Universitario de Etoloxía Clínica Aplicada da Facultade de Veterinaria da USC, un colectivo coordinado por Ángela González, continuará o domingo en quenda de mañá con catro palestras informativas, a cargo de Susana Muñiz, Joâo Monteiro, Germán Quintana e Jorge Vázquez Álvarez, que abordará cuestións ligadas coa intelixencia artificial e a medicina do comportamento, psicofarmacoloxía veterinaria ou deporte canino.

 

Cartel do congreso
Cartel do congreso
Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.03.2024.