O arqueólogo Celso Rodríguez Cao, acompañado da música de zanfona de Germán Díaz, guiarán desde a terraza da Casa do Saber de Lugo unha visita virtual ao xacemento da Domus do Mitreo no marco do programa 'Na Bocanoite'

O programa cultural ‘Na Bocanoite’, unha proposta artellada ao abeiro do convenio Lugo Cultura e que fusiona as visitas guiadas e musicadas das ‘Noites na Domus’ e as actuacións de música ao vivo incluídas no ciclo ‘Lubicán’, arranca este xoves 25 de xuño, a partir das 22.30 horas, na terraza da Casa do Saber, desde onde o arqueólogo Celso Rodríguez Cao, acompañado da música de zanfona de Germán Díaz, conducirá, coa axuda de imaxes proxectadas na fachada lateral da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, unha visita virtual a través da historia e dos restos achados na escavación do xacemento mitraico actualmente musealizado.
As persoas interesadas en participar como público neste espectáculo, para o que se habilitará como patio de butacas o adro da catedral de Lugo, poden retirar de balde as entradas nas oficinas da área de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, de 10.00 a 13.00 horas.