Ir o contido principal

Presentación de resultados

'A voz dos mercados'

16.06.2022 | 11.00h

Salón de Actos
Santiago de Compostela

Trátase dunha investigación sobre a Paisaxe Lingüística dos mercados municipais de Tomiño e do Berbés na que colaboran o estudantado do IES Antón Alonso Ríos (Tomiño) e do IES do Castro (Vigo) ao abeiro do proxecto de I+D+i EquiLing Galicia

Facultade de Filoloxía. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Filoloxía. FOTO: Santi Alvite

O proxecto 'EquiLing Galicia: Espazos de transformación sociolingüística no contexto educativo galego: axencia dos falantes, repertorios multilingües e prácticas (meta) comunicativas' investiga os espazos de transformación sociolingüística vinculados á mobilidade, globalización e ao impacto das políticas lingüísticas no contexto educativo galego de áreas rururbanas. 

Ao seu abeiro, o estudantado do IES Antón Alonso Ríos (Tomiño) e do IES do Castro (Vigo) desenvolveron a investigación ''A voz dos mercados', un estudo en co-labor sobre a Paisaxe Lingüística dos mercados municipais de Tomiño e do Berbés que foi coordinada polas investigadoras Gabriela Prego Vázquez (USC), Celtia Rey Brandón (IES Antón Alonso Ríos), Pablo Montaña Prieto (IES do Castro) e Luz Zas Varela (USC). 

Os resultados desta actividade no IES do Castro serán presentados nunha sesión informativa o día 16 de xuño a partir das 11 horas no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía da USC. A sesión contará coa presenza do decano da Facultade, Elías Feijoo Torres; as investigadoras da USC Gabriela Prego Vázquez e Luz Zas Varela, o investigador Pablo Montaña Prieto (IES do Castro) e o estudantado investigador do centro. 

Completan, así, as conclusións obtidas no IES Antón Alonso Ríos, que xa foron expostas ante a comunidade o día 10 de xuño no mercado de Tomiño. Estas investigacións pasarán a formar parte do Atlas Virtual para a Educación Lingüística na Superdiversidade. As actividades articúlanse metodoloxicamente en torno á chamada ciencia cidadá para a comprensión da vida social e, por tanto, tamén da presenza das linguas nos diferentes espazos públicos que nos rodean na vida cotiá. 

[Vídeo] Ver en liña
Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.06.2022.