Ir o contido principal

Programa 'Filosofía na rúa'

Wikimaratón filosófica

26.11.2021 | 10.00h

Salón de Actos e Aula 3

O alumnado da Facultade de Filosofía da USC actualizan as entradas de vinte filósofos e filósofas galegas na Galipedia

Facultade de FIlosofía
Facultade de Filosofía

Ao abeiro do programa 'Filosofía na Rúa', que desenvolve durante o mes de novembro actividades en conmemoración do Día Mundial da Filosofía (18 novembro), a Facultade de Filosofía organiza unha Wikimaratón de 4 horas durante a cal o seu estudantado actualizará entradas sobre esta materia na Galipedia para contribuír a espallar o coñecemento a toda a comunidade. 

Durante a celebración deste “maratón” de actualización da Galipedia, tamén coñecido como Wikimaratón, filósofas galegas contemporáneas como Esperanza Guisán, Mari Luz Pintos, Purificación Mayobre, Uxía Rivas ou Pilar Allegue unirán o seu nome a pensadoras históricas como Filomena Dato ou Hildegart Rodríguez Carballeira e verán melloradas as súas entradas na Galipedia. Canda a elas, tamén se actualizarán as entradas de filósofos históricos como o idealista Indalecio Armesto, o escéptico Francisco Sánchez, o utópico Ramón de la Sagra, o libertario Ricardo Mella, ou os galeguistas Xohán Vicente Viqueira e Xosé Manuel López Nogueira. Ao tempo, tamén se revisarán as entradas de profesores que impartiron docencia de Filosofía na USC como Carlos Baliñas, Juan Vázquez, Anxo González Fernández, César Raña Dafonte ou Jesús Ríos Vicente.

Durante catro horas, o alumnado de Filosofía correrá este Wikimaratón internáutico co apoio de Adrián Estévez, administrador voluntario da Galipedia, e publicarán entradas enciclopédicas con garantías de credibilidade e calidade, transferindo á sociedade galega os resultados do seu traballo investigador en Filosofía. E como Diderot, Voltaire e D’Alembert, promotores da Encyclopédie francesa no século XVIII, os novos enciclopedistas galegos combaterán a credulidade e o descoñecemento coa luz da súa razón e do traballo en equipo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.11.2021.