Santiago de Compostela
Terraza do CiTIUS
Intervirá coa charla ‘A telemática na creación literaria: do tratamento de textos á IA’

O escritor Xavier Alcalá é o convidado da décimo terceira sesión dos encontros #AoSol que organiza o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) e que terá lugar o luns 16 ás 13.00 horas na terraza do centro.
‘A telemática na creación literaria: do tratamento de textos á IA’ é o título da charla na que Alcalá, enxeñeiro de Telecomunicacións, contará como comezou a escribir novelas e crónicas en horas roubadas ao sono, desde que apareceron os "editores de textos" ata o momento actual en que a telemática lle permite colocar as súas obras nas plataformas globais e a Intelixencia Artificial o incita a usala para xerar textos baseados no seu estilo con orixe en historias tiradas da realidade e os soños.
Autor de artigos e crónicas xornalísticas, narracións curtas, novelas, libros de viaxe e traducións, Xavier Alcalá colabora con diversos xornais galegos. Na súa obra trata especialmente o tema da emigración e desenvolve con rigor a intriga e as aventuras. Escribiu tamén letras de cancións para Andrés do Barro. A súa obra conta con distintos premios tanto por artigos como por narracións curtas e novelas.