Organizado polo Grupo ANTE (Análise Territorial) da USC e polo Grupo de Historia do Pensamento Xeográfico da Asociación Española de Xeografía

O Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia acollerá do 4 ao 6 de novembro o XIII Encontro Internacional de Xeografía Social (1º franco-italiano-ibérico). Preténdese reflexionar, a través de estudos de caso pero tamén desde unha perspectiva máis conceptual e analítica, arredor da Xeografía en tanto ciencia social nas distintas tradicións.
O encontro, organizado polo Grupo ANTE (Análise Territorial) da USC e polo Grupo de Historia do Pensamento Xeográfico da Asociación Española de Xeografía, busca ser un foro cará a reflexión xeográfica crítica, dando continuidade aos encontros organizados nos anos anteriores en Francia e Italia.
O evento reunirá máis de 40 expertos na materia e contará con sesións presenciais e en liña o xoves día 4 e venres día 5, así como unha saída de campo polas Rías Baixas o sábado 6.
A asistencia ao evento é libre ata completar aforo.