Ir o contido principal

XII Encontro da Mocidade Investigadora

09.07.2025-10.07.2025
O encontro desenvolverase na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Foto: Santi Alvite
O encontro desenvolverase na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Foto: Santi Alvite

A Universidade de Santiago de Compostela dá acubillo, un ano máis, ao XII Encontro da Mocidade Investigadora (X EMI) que se desenvolverá os días 9 e 10 de xullo na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. Este evento desenvólvese dende o ano 2012 co propósito de favorecer as dinámicas de colaboración, debate e difusión do coñecemento xerado entre estudantes de doutoramento.

O obxectivo destas xornadas é dar a coñecer as principais temáticas de cada campo de investigación, o que sen dúbida constituirá unha experiencia enriquecedora para todas aquelas persoas que se animen a participar. Así mesmo, o programa contempla a entrega de premios á mellor comunicación de cada área de investigación (Artes e humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura).

O XII EMI está organizado por investigadores e investigadoras procedentes das tres Universidades galegas e está aberto a todo o seu estudantado de doutoramento, que terá a oportunidade de asistir e facer as súas contribucións a este evento, que durante dous días ofrecerá sesións de relatorios, pósters e mesas redondas.

Así, logo da apertura do congreso ás 9.30 horas na Aula 7 nunha sesión presidida pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e do relatorio da profesora Teresa Moure titulado ‘Dimensión de xénero na investigación’, ao longo de toda a xornada terán lugar diversos paneis de pósters e comunicacións ademais dunha mesa redonda con asociacións de investigadoras.

Xa o xoves, ademais das comunicacións orais, desenvolverase ás 9.30 horas un relatorio de Pilar Bárcena, do Servizo de Atención Psicolóxica da USC, sobre a saúde mental na investigación. O encontro rematará coa entrega dos premios á mellor comunicación.

O XII EMI configúrase deste xeito  unha oportunidade única para mostrar e discutir as investigacións propias coas demais compañeiras predoutorais, potenciando así novas ideas e oportunidades. En definitiva, este encontro constitúe un marco incomparable para favorecer as relacións entre membros da comunidade universitaria, apostando pola colaboración inter e multidisciplinar entre áreas de coñecemento.
 

Cartel do evento
Cartel do evento
Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.07.2025.