Ir o contido principal

'Xogando co infinito'

22.06.2023 | 12.00h

Santiago de Compostela e Lugo
Aula Magna

O profesor Felipe Gago traduce ao galego esta obra de divulgación matemática da húngara Rózsa Péter nunha edición especial con textos introdutorios de Peter Lax e de Elena Vázquez Cendón

Presentación do libro 'Xogando co infinito'
Presentación do libro 'Xogando co infinito'

A primeira tradución ao galego de Xogando co infinito sae ao prelo da man do profesor da Facultade de Matemáticas Felipe Gago nunha edición do Consello da Cultura Galega coa colaboración da Secretaria Xeral de Política Lingüística.

Presentarase o xoves 22 de xuño ás 12.00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas, nun acto que contará coa presenza do tradutor, da presidenta do CCG, Rosario Álvarez, o secretario xeral de Política Linguística, Valentín García; e da decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón.

Xogando co infinito é unha obra divulgativa escrita pola matemática húngara Rózsa Péter hai oitenta anos que constitúe un relato popular e accesible, de estilo literario, dos moitos conceptos matemáticos relacionados co infinito e  serve de introdución a todo o campo das matemáticas.

O libro está dividido en tres partes: A aprendiz de meiga, A forma creadora e A autocrítica da razón pura, a autora desenvolve o seu material en vinte e dous capítulos titulados de maneira suxestiva: xogar cos dedos, colorear a sucesión gris dos números, outra vez o infinito, a liña está repleta, algúns segredos de obradoiro, as pedras de construción, etc. Nel debúllanse moitos conceptos matemáticos importantes con total precisión: sistemas numéricos, progresións aritméticas, diagonais de polígonos convexos, combinatoria, a lei dos números primos, ecuacións, números negativos, vectores, operacións con fraccións, series infinitas, números irracionais, teorema de Pitágoras, táboas de logaritmos, xeometrías non euclidianas, a recta no infinito, integrais indefinidas e definidas, a cuadratura do círculo, números transcendentes, a teoría de grupos, a teoría de conxuntos, metamatemáticas e moito máis. “O resultado é" en palabras do tradutor, "un libro orixinal que interesará tamén a profesionais e profesorado de matemáticas”.

Esta edición en lingua galega conta, ademais, con dous artigos introdutorios. Un deles de Peter Lax, gañador do premio Abel, discípulo de Einstein e un dos alumnos das clases particulares cos que Rózsa Péter se gañou a vida cando foi vetada pola súa condición de xudía no Budapest antisemita de entreguerras. Outro da decana Elena Vázquez Cendón no que destaca o compromiso da autora, as súas salientables achegas a disiciplinas como a matemática ou a informática, e por “iniciar camiños na investigación e rozalos para as mulleres, xa que foi das que sementaron vocacións en mozas e mozos en idades temperás e tenderon pontes con colegas doutras disciplinas”. Na introdución de Elena tamén inclúe unha presentación de Susana Mataix, autora de Matemática es nombre de mujer.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.06.2023.