Ir o contido principal

Xornada de Acrema sobre actividade resineira en masas de pinos de Galicia

O foro de presentación de resultados do grupo operativo Acrema desenvolverase en quenda de mañá e tarde con relatorios, obradoiros participativos e visitas ao laboratorio de Pemade. A inscrición é de balde e permanece aberta en liña

Cartel da xornada
Cartel da xornada

O grupo operativo supra-autonómico ‘Adaptación da actividade resineira nas masas de pino con fins produtores de madeira’ (Acrema) celebra este martes 14 de febreiro, a partir das 10.00 horas, no salón de actos da EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC, unha xornada divulgativa e de presentación de resultados da actividade realizada desde 2018 a prol dun aproveitamento resineiro innovador que permita obter bio-productos de alto valor engadido como complemento da producción de madeira de calidade.

As xornadas, que se prolongarán en quenda de mañá e tarde, comezarán cunha sesión explicativa sobre o arte de resinar no eixo atlántico peninsular, a cargo de José Carlos Álvarez Cabrero, da Asociación Nacional para a Vertebración do Sector Resineiro Nacional. De seguido, Érika Martínez, do grupo Foresin, falará da produtividade e da sustentabilidade dos sistemas de extracción de resina.

Os sistemas mecánicos para a extracción de resina, os efectos deste labor sobre o crecemento e a reprodución das árbores e a cuantificación económica desta actividade serán outras das cuestións abordadas no marco deste foro aberto, no marco do que o catedrático da USC na EPS de Enxeñaría e coordinador do grupo de investigación PROePLA, Manuel Marey, falará sobre a modelización da produción de resina en Galicia, Asturias e Castela e León.

A análise da calidade da resina e o emprego da madeira resinada para uso estrutural centrarán os relatorios programados neste foro en quenda de tarde, cando tamén está prevista a celebración dun obradoiro demostrativo de caracterización de resinas e derivados mediante sensores NIRs, así como un posterior coloquio sobre directrices a implementar para garantir a evolución do sector resinero no noroeste peninsular.

As persoas interesadas en participar como asistentes nesta xornada, para a que xa confirmaron a súa participación medio centenar de persoas, aínda poden formalizar a súa inscrión de balde a través do formulario habilitado en liña.

Acrema

O grupo operativo Acrema botou a andar en 2018 como un proxecto financiado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020 cun importe de 561.719,17 euros dos que o 80% proceden dos fondos Feader eo 20% de AGE.

O consorcio que dá vida a Acrema aglutina empresas de gran tradición no sector resineiro e outras de nova creación enfocadas á innovación neste sector, universidades e centros de investigación con persoal altamente cualificado e asociacións en defensa tanto do sector resineiro como do madeireiro. Trátase dunha iniciativa coordinada por Sinerxías Sustentables Resiforest SL en colaboración coa Plataforma da Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) e o grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) da USC, a Misión Biolóxica de Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas (MBG-CSIC), o Centro de Investigación Forestal de Lourizán da Axencia Galega de Calidade Alimentaria da Xunta de Galicia (CIF Lourizán), a Fundación Centro Tecnolóxico Forestal e da Madeira (Cetemas) e a empresa Recuncho de la Vega S.A.L. 

Participan tamén como socios colaboradores a Asociación Nacional para a Reorganización e Defensa do Sector Resinero, a Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Galicia (Fearmaga), a Asociación Asturiana de Empresarios Forestais da Madeira e o Moble (Asmadera) e a empresa Sociedade de Resinas Naturais S.L.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.03.2023.