Ir o contido principal

X Xornada de Dereito Social Europeo

31/01/2025

Sala de Xuntas

A xornada desenvolverase en Dereito
A xornada desenvolverase en Dereito

A Universidade de Santiago colabora na décima Xornada de Dereito Social Europeo que organiza a Asociación Nacional de Laboralistas (Asnala) xunto ás asociacións españolas para o Estudo do Dereito Europeo (AEDEUR) e de Dereito do Traballo e da Seguridade Social (AEDTSS). O encontro desenvolverase o venres 31 de xaneiro na Sala de Xuntas da Facultade compostelá de Dereito.

A xornada diríxese a laboralistas, xuristas e especialistas en Seguridade Social que buscan comprender a fondo como as normativas e xurisprudencias europeas están moldeando o marco legal español. Deste xeito, as novidades lexislativas e xurisprudenciais procedentes da UE teñen todo o protagonismo nesta xornada, que se desenvolve en colaboración co proxecto de investigación A incidencia do Dereito da Unión Europea nas futuras reformas laborais.

Será o reitor Antonio López quen inaugure a xornada ás 9.45 horas nun acto no que tamén participarán a presidenta da AEDTSS, María Emilia Casas Baamonde; Román Gil Alburquerque, de AEDEUR; a presidenta de ASNALA, Ana Gómez Hernández, e a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Antía Sández Callejo.

A xornada iniciarase cun relatorio do catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da USC, Javier Gárate Castro, sobre o impacto do ordenamento laboral da UE no sistema español, para pasar a abordar a continuación temas de actualidade que van desde a reforma do funcionamento do Tribunal de Xustiza da Unión Europea ata as normas e sentencias máis recentes pasando polo dereito europeo en intelixencia artificial e plataformas dixitais.

A asistencia á xornada é gratuíta, previa inscrición

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.01.2025.