Ir o contido principal

Xornada sobre ferramentas dixitais de asesoramento agrario

21/09/2023 - 11.15 horas

A delegada do reitor da USC para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, abre o xoves, ás 11.15 horas, na EPS de Enxeñaría, un foro técnico aberto ao público interesado e no que se presentará o caderno de campo dixital para agricultores e produtores

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada

A delegada do reitor da USC para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, inaugura este xoves, ás 11.15 horas, no salón de actos da EPS de Enxeñaría, unha xornada sobre ferramentas dixitais de asesoramento agrario, no marco dunha sesión técnica gratuíta aberta ao público interesado e na que tamén participará un representante da Xunta de Galicia; o coordinador nacional dos Seminarios de Técnicos e Especialistas en Horticultura, Selino Otero, e o director da oficina de Cajamar en Lugo, Miguel Ángel Albadalejo.

O programa da xornada, para a que xa se pode formalizar a inscrición en liña na web www.plataformatierra.es., comezará coa presentación do Caderno de campo dixital para agricultores e produtores, a cargo dun técnico da Xunta de Galicia. De seguido, Juan Carlos Gázquez, da Fundación Cajamar, presentará a Plataforma Tierra, na que as persoas usuarias poden atopar ferramentas de programación de rega e abonado. O Ceo de OSiGris, José Senande, rematará esta primeira quenda de intervencións coa presentación práctica do caderno dixital CX Tierra e dunha ferramenta de axuda ao pastoreo.

Esta sesión sobre ferramentas dixitais de asesoramento agrario rematará cun coloquio no que intervirán como relatores a presidenta da Asociación de Asesores Rurais de Galicia, Elena Piñeiro; o director técnico de Aresa, Rubén de Castro; José Senande, da empresa OSiGris, e o horticultor chairego Gabriel Lopes García.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.09.2023.