Ir o contido principal

Xornada internacional ‘Tecendo Coidados. Construíndo Masculinidades Igualitarias desde a Mocidade’

07.10.2025 | 09.30h-20.00h

Santiago de Compostela
Salón de Graos

Cartel do evento
Cartel do evento

As tres universidades galegas organizan o 7 de outubro unha nova xornada internacional co lema ‘Tecendo Coidados. Construíndo Masculinidades Igualitarias desde a Mocidade’. A actividade pretende pór no centro o valor dos coidados e a construción de masculinidades igualitarias entre a mocidade, evitando seguir reproducindo relacións de poder que impiden avanzar cara a sociedades máis xustas e inclusivas.

Realizada ao abeiro do Plan Corresponsables 2025, a xornada desenvolverase no Salón de Graos da Facultade de Dereito da USC a partir das 9.30 horas co acto inaugural no que participan a delegada de Igualdade da USC, Sonia Esperanza Rodríguez Boado; a directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintiana Pérez; a vicerreitora de Igualdade e Diversidade da UDC, Cristina López Villar; e a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Yolanda Rodríguez Castro.

A continuación, o catedrático da Universidade de Córdoba Octavio Salazar Benítez pronunciará o relatorio ‘Pode ser o feminismo unha proposta emancipadora para os homes?’ e Mar Venegas Medina, vicerreitora da Universidade de Granada, fará o propio con ‘O bocexo como trincheira: 'Fatiga feminista', masculinidades e a batalla invisible dos coidados’. 

Xa ás 12.00 horas terá lugar a mesa de estudantes 'Consello de Estudantes das Universidades do SUG, Masculinidades coidadosas' coa participación do artista, cantareiro e bailador Martín Mondragón, coñecido como Mondra; o escritor Samuel Merino; do director, produtor e editor de documentais, Iván Roiz Pereda; e do divulgador e escritor Nee Barros.

A sesión da tarde comezará ás 16:30 horas co relatorio do profesor da USC Jorge García Marín ‘Coidar é revolucionario: tamén para os homes’ e proseguerá cun obradoiro a cargo de Juan José Lorenzo Castiñeiras. As xornadas clausuraranse ás 20.00 horas logo do debate das conclusións.

Para asistir á xornada é preciso inscribirse previamente

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.10.2025.