O prazo de inscrición a través dun formulario en liña para asistir presencialmente ampliouse ata o 1 de outubro

A primeira Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), organizada polas tres universidades públicas galegas, conformará un punto de encontro entre docentes de educación superior de toda a comunidade para poñer en común experiencias e tecer redes de colaboración das que poidan xurdir interesantes proxectos de futuro. A inscrición a través dun formulario en liña para asistir presencialmente poderá realizarse ata o 1 de outubro. Por parte da USC, a organización corre a cargo do Centro de Formación de Persoal.
A xornada celebrarase en modalidade híbrida e terá dúas fases. A fase en liña desenvolverase na plataforma virtual UDCAberta. Nela, o Persoal Docente e Investigador (PDI) poderá participar en formato póster e a través de foros. A fase presencial terá lugar o vindeiro 19 de outubro na Facultade de Economía e Empresa do Campus de Elviña (A Coruña).
“Estamos ante un momento moi propicio para que as tres universidades galegas nos unamos para organizar as primeiras xornadas interuniversitarias de innovación docente. A participación de docentes de todo o sistema universitario de Galicia contribuirá a enriquecer este evento e a tecer redes que, co paso do tempo, se farán cada vez máis grandes e resistentes”, sinalan dende a organización do evento.
A conferencia plenaria correrá a cargo de Juan Freire baixo o título ‘Como deixar de xogar a innovar?’. A continuación, desenvolveranse distintas mesas redondas sobre ‘Ecosistemas tecnolóxicos emerxentes en educación superior’ e ‘Tendencias pedagóxicas en educación superior’. Xa en quenda de tarde terán lugar os obradoiros titulados ‘Inmersión ao Metaverso’, ‘Aplicacións da Intelixencia Artificial á docencia’ e ‘Realidade mixta na innovación docente’. A xornada concluirá coa entrega de premios aos tres pósters máis votados.