Ir o contido principal

Formación

Xornada sobre metodoloxía BIM para a xestión integral de proxectos de construción

Xoves, 27 de febreiro, ás 9.30 horas

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Obras Públicas mantén aberta a inscrición gratuíta na súa web

Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC
Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC celebrará o vindeiro xoves 27 de febreiro unha xornada sobre metodoloxía BIM (Building Information Modeling), a través da que pretende achegar a todo o público interesado formación acaída para avanzar na xestión integral dos proxectos de construción, en todas as súas fases e durante todo o ciclo de vida do  edificio, a través de modelos virtuais e de forma colaborativa entre os diferentes axentes implicados.

O obxectivo desta sesión, promovida e impartida polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Obras Públicas (CITOP), é o de favorecer a adquisición de coñecementos teórico-prácticos para abordar a redacción dun prego en metodoloxía BIM que sirva de base para a contratación de obra pública e permita abordar o proceso de forma planificada e con capacidade resolutiva ante conflitos.

O programa desta acción formativa dirixida a estudantes universitarios, pero tamén a profesionais ligados co sector e empregados públicos, prolóngase en quenda de mañá e tarde, de 10.00 a 19.30 horas. A inscrición nesta actividade formativa é gratuíta e está aberta en liña na web do CITOP. As persoas que completen esta xornada recibirán un certificado de aproveitamento expedido polo órgano colexiado.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.02.2020.