
Por cuarto ano consecutivo, a Universidade de Santiago de Compostela e ABG Intellectual Property coorganizan IP Perspectives Galicia, unha xornada que se desenvolve o xoves 18 de abril de 09.30 a 17.00 horas na sede do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) e que vai estar dedicada á divulgación da propiedade industrial, entendida como unha ferramenta clave para a transferencia de tecnoloxía.
Ao longo do seminario profesionais de ABG IP compartirán estratexias de protección das invencións que permitirán a obtención do máximo rendemento ao investimento en I+D. Seguindo nesa liña, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) dará a coñecer a súa nova ferramenta para avaliar o potencial comercial dunha patente. Despois do seminario, as organizacións innovadoras galegas teñen a posibilidade de ter un asesoramento personalizado e gratuíto en protección da propiedade industrial. En 2023 houbo 66 solicitudes de patente europeas en Galicia e 52 españolas.
