Salón de Graos
‘Propostas de valor e resultados transformadores para empresas, organismos e institucións’

O ECOBAS (Economics and Business Administration for Society), centro de investigación interuniversitario especializado no estudo da sostibilidade, presenta o venres 17 de xaneiro o LAB-ECOBAS, o seu laboratorio de transferencia do coñecemento, con proxectos que levan o selo da sostibilidade e impactan positivamente na actividade económica, no uso e na conservación dos recursos naturais e tamén na calidade de vida das persoas.
A xornada de presentación, aberta a todo o público interesado, desenvolverase de maneira presencial no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e tamén existe a posibilidade de asistir virtualmente. En ambos os dous casos é preciso inscribirse previamente.
Nesta xornada de presentación do LAB-ECOBAS darase a coñecer como toman forma os resultados da investigación do centro e como o coñecemento xerado se materializa para transformar as empresas, os organismos e as institucións. O laboratorio pon as capacidades do seu equipo investigador ao servizo da sociedade a través de dúas liñas de traballo principais: o deseño de proxectos innovadores e a formulación e avaliación de políticas públicas.
Programa
A xornada comezará ás 12.00 horas coa benvida a cargo das profesoras da USC María Loureiro, directora científica de ECOBAS, e Isabel Neira, coordinadora da Área de Transferencia de ECOBAS. A continuación intervirá o delegado do reitor da USC para a Transferencia do Coñecemento e Investigador principal de ECOBAS, Luis Otero, co relatorio ‘Un laboratorio da investigación en Ciencias Sociais para transformar
a sociedade’.
Deseguido, presentaranse proxectos como REFISH con JEALSA, o Plan Estratéxico da Industria Musical en Galicia e o Observatorio AFFE, para rematar cun último panel sobre políticas públicas.