Ir o contido principal

Xornada de presentación dos resultados finais de PCBAS Galicia e Quimioteca Pública Española

17.10.2025 | 10.00h-14.00h
A xornada desenvolverase no CiMUS. Foto: Santi Alvite
A xornada desenvolverase no CiMUS. Foto: Santi Alvite

Galicia participa, xunto con outras seis comunidades autónomas, no Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde (PCBAS) do PERTE de Saúde de Vangarda. Ademais de executar actuacións nas seis liñas que integran o Plan, Galicia coordina a nivel estatal a liña 3 ‘Plataforma de cribado de fármacos e análises de interaccións fármaco-diana’.

Precisamente no marco desta liña 3, e en colaboración coa rede estratéxica ES-OPENSCREEN, impúlsase a Quimioteca Pública Española. Esta iniciativa, coordinada desde o CiMUS da USC e a Fundación Kærtor, busca reunir e dar unha nova vida aos compostos químicos que foron desenvolvidos en universidades e centros de investigación para estudar as súas interaccións en ensaios biolóxico/farmacolóxicos, como punto de partida para o descubrimento de novos fármacos.

Tanto os resultados finais de PCBAS Galicia como a nova quimioteca presentaranse o 17 de outubro, de 10.00 a 14.00 horas no CiMUS da USC nunha xornada aberta a toda a comunidade científica que simultaneará formato presencial con virtual a través da plataforma Teams.

A inauguración do evento correrá a cargo da profesora da USC e directora do CiMUS, Mabel Loza, que é á súa vez coordinadora científica para Galicia PCBAS, representante científica en España de EU-OPENSCREEN e coordinadora de ES-OPENSCREEN. Participarán tamén a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo, a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e  a responsable de Infraestruturas Europeas de Investigación en Biomedicina, Marina López Pérez.

Será tamén a propia Mabel Loza quen explique os resultados finais de PCBAS Galicia. Pola súa banda, os detalles da quimioteca e a preparación dun caso práctico de envío desde a USC presentaranse nunha sesión na que participan o director de Relacións Público-Privadas da Fundación Kærtor, Antonio Gómez, a técnica superior de xestión da USC Susana Torrente, a investigadora principal da Facultade de Farmacia María Joao Matos e o investigador principal do grupo ComBioMed do CIQUS da USC Eddy Sotelo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.10.2025.