O responsable de márketing de Lely Ibérica, Alberto Sánchez, e o presidente de Kubota España, Germán Martínez, abren este luns a quenda de intervencións dun foro que citará ao día seguinte no centro universitario lugués os investigadores do CSIC Ángela Ribeiro e Dionisio Andújar

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC aborda o progresivo proceso de robotización que está a experimentar o sector agrogandeiro e a súa incidencia na realización das actividades agroforestais e gandeiras, no marco dunhas xornadas que citarán desde este luns no centro universitario lugués representantes dalgunhas das empresas multinacionais de referencia nestes ámbitos, ademais de investigadores do Grupo de Percepción Artificial (GPA) no Centro de Automática e Robótica do CSIC. A inscrición nestas xornadas divulgativas é gratuíta no formulario xa habilitado en liña.
O responsable de márketing de Lely Ibérica, Alberto Sánchez, abrirá o programa de relatorios este luns, a partir das 10.00 horas, no salón de graos da EPS de Enxeñaría de Lugo, coa charla titulada ‘Robotización de explotacións de vacún de leite’, durante a que tratará algún dos aspectos dos xa xeneralizados robots de muxido, así como respecto doutras aplicacións desenvolvidas por esta multinacional que centra a súa actividade na prestación de recursos e servizos para explotacións de vacún de leite.
O enxeñeiro agrónomo Germán Martínez, que é presidente de Kubota España e vicepresidente de Ventas da División de Tractores Kubota en Europa, dará continuidade á primeira quenda de intervencións deste foro coa charla ‘Exemplos de innovación de kubota para o futuro sostible da agricultura’, na que avanzará algunhas das últimas achegas nas que está a traballar esta multinacional con sede en Xapón.
A segunda xornada deste ciclo sobre robótica agroforestal e gandeira céntrase no labor que desenvolve a comunidade científica. Así, os investigadores do Grupo de Percepción Artificial (GPA) no Centro de Automática e Robótica do CSIC Dionisio Andújar e Ángela Ribeiro, ofrecerán o 12 de xullo cadanseu relatorio baixo o títulos ‘Robots intelixentes en Agricultura. O futuro xa está aquí’ e ‘Cultivando con datos: cara a agricultura robótica de precisión’.