Santiago de Compostela
Salón de Actos do edificio de Odontoloxía
Organizada pola Federación galega de Dano Cerebral en colaboración coa Unidade de Odontoloxía para Persoas con Necesidades Especiais da USC

A Unidade de Odontoloxía para Persoas con Necesidades Especiais da USC colabora coa Federación galega de Dano Cerebral (Fegadace) na organización da xornada sobre saúde oral ‘Garantía das persoas con dano cerebral’ que se desenvolverá o próximo xoves 30 de maio ás 17.00 horas no Salón de Actos do edificio de Odontoloxía. A asistencia é libre ata completar aforo.
A xornada, na que tamén colabora a Asociación Sarela de Dano Cerebral de Compostela, será inaugurada pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, que estará acompañada da vicedecana da Facultade de Medicina e Odontoloxía, María Jesús José Mora Bermúdez.
A continuación, intervirá o presidente de FEGADACE, Luciano Fernández Pintor, que fará un breve balance dos cinco anos de colaboración entre a federación e a Unidade da USC, que dende o ano 1992 desenvolve unha intensa actividade asistencial con doentes procedentes de toda Galicia con algunha discapacidade severa, cuxas condicións médicas, condutuais ou en ocasións estritamente odontolóxicas, dificultan o seu manexo nunha clínica convencional.
Xa a continuación, a partir das 17.30 horas, terá lugar o faladoiro ‘Hixiene bucodental e discapacidade: experiencias dende o dano cerebral adquirido’ no que participarán a logopeda de FEGADACE Noelia Rivadas López; o odontólogo da Unidade Jacobo Limeres Posse; e María José Rama, familiar dunha persoa con dano cerebral de Sarela.
