As xornadas científicas organizadas polos grupos PROePLA e Uxafores da USC reunirán do 1 ao 3 de setembro os principais fabricantes do sector. A inscrición é gratuíta e permanece aberta ata o 7 de xullo en workshop.teledeteccion.proxima@usc.es, ao que se poden enviar as comunicacións ata finais do mes xuño

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría acollerá do 1 ao 3 de setembro un workshop sobre teledetección próxima terrestres para aplicacións forestais, unha reunión científica que busca presentar e poñer en común os principais avances científico-técnicos destas tecnoloxías (sensores láser, escáner terrestre (TLS) e de localización simultánea e mapeo (SLAM) e demais sensores ópticos, térmicos ou doutro tipo nos que a captura de datos se realice a nivel de chan) para aplicacións forestais.
Estas xornadas científico-técnicas, promovidas polos grupos de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) e Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible (Uxafores) da USC, desenvolveranse de xeito presencial, aínda que tamén se poderán seguir de forma telemática. As presentacións previstas no programa, no que participarán os principais fabricantes de dispositivos de tecnoloxías de teledetección próxima serán en quenda de mañá, mentres que pola tarde sesións prácticas de toma de datos en campo e procesado dos mesmos no ordenador con distintas tecnoloxías (ForEstereo, TLS, LiDAR SLAM e Fotogrametría Terrestre Próxima).
O prazo de presentación de propostas de comunicacións permanecerá aberto ata o 30 de xuño no enderezo de correo electrónico workshop.teledeteccion.proxima [at] usc.es (workshop[dot]teledeteccion[dot]proxima[at]usc[dot]es). As achegas aceptadas, que poden ser en forma de comunicación oral ou póster, serán compiladas nun libro.
As persoas interesadas en participar nestas xornadas poden formalizar a súa inscrición de balde ata o 7 de xullo, a través do enderezo workshop.teledeteccion.proxima [at] usc.es (workshop[dot]teledeteccion[dot]proxima[at]usc[dot]es). A matrícula é obrigatoria e garante unha praza para todas as actividades organizadas.