Ir o contido principal

Xornada de Usuarios de R en Galicia

16.10.2025 | 09.00h-20.00h
Facultade de Matemáticas. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Matemáticas. FOTO: Santi Alvite

A edición número doce da Xornada de Usuarios de R en Galicia chega o xoves 16 de outubro á Facultade de Matemáticas da USC. O evento reunirá profesionais, persoal investigador e estudantado interesado na linguaxe R, unha ferramenta clave para a análise de datos. A xornada tamén poderá seguirse en directo en YouTube.

O encontro ofrecerá 23 relatorios ao longo do día, combinando presentacións de especialistas convidados e relatorios seleccionados mediante chamada de propostas. Entre as persoas relatoras destacan figuras de referencia da USC, o Instituto Galego de Estatística, a UDC, a UVigo e universidades internacionais como a University of Helsinki ou Universidade Federal Fluminense de Brasil.

O programa cubrirá temas innovadores que van desde a investigación clínica ata a visualización avanzada de datos, proporcionando un espazo para compartir coñecementos e fomentar colaboracións dentro da comunidade de usuarios de R. O programa completo pódese consultar no web do foro

Organizada pola Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLISA) e patrocinada pola AMTEGA, a xornada contará con profesionais do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), da Xunta de Galicia e das tres universidades galegas, ademais de académicos internacionais.

O comité organizador está formado por María José Ginzo Villamayor (Universidade de Santiago de Compostela e presidenta de MeLISA), Rafael Rodríguez Gayoso e Miguel Ángel Rodríguez Muíños (Consellaría de Sanidade e membros de MeLISA), contando o comité científico tamén con María José Ginzo Villamayor e Miguel Ángel Rodríguez Muíños.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.10.2025.