Ir o contido principal

Xornadas sobre Agro-Robótica

19/07/2023 - 9.30 horas

Unhas xornadas sobre Agro-Robótica coordinadas polos profesores Roberto Iglesias e Javier Bueno ofrecen catro relatorios informativos sobre as aplicacións robóticas ao ámbito agroforestal e demostracións técnicas na finca de prácticas da EPS de Enxeñaría

Robot, modelo OZ, para traballos hortícolas
Robot, modelo OZ, para traballos hortícolas

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC afonda nas potencialidades que ofrece a AgroRobótica a través dun ciclo de relatorios e demostracións técnicas que se desenvolverá o vindeiro 19 de xullo en quenda de mañá, de 9.30 a 14.30 horas, na sede universitaria luguesa. O programa, coordinado polos profesores do título de grao en Robótica Javier Bueno e Roberto Iglesias, e presentado este venres no marco dun acto no que tamén participou a directora da EPS de Enxeñaría, Rosa Romero, pon o foco no Grupo Internaco, unha empresa con sede no concello coruñés de Ordes creada en 1976 que conta con máis de tres décadas de experiencia no sector.

As catro conferencias incluídas no programa, que se desenvolverá en quenda de mañá, a partir das 9.30 horas, no salón de actos da EPS de Enxeñaría de Lugo, permitirán ao público participante coñecer de primeira man as visións de catro expertos sobre a robotización de traballos relacionados coa xardinaría e a agricultura e as perspectivas de futuro que teñen sobre a súa implantación en España. Os relatores convidados a participar neste foro son Sergio Grau, director de Vendas de AG Group; Carlos Rivera, responsable de vendas de produtos Husqvarna e batería en España e Portugal; Josep Dalmases, responsable do departamento de Innovación de Ag Group, e a representante da compañía francesa Naio Technologies en España, Sophie Graillot.

Unha das principais novidades deste ciclo sobre AgroRobótica, que contan con apoio económico da Deputación de Lugo en en cuxa organización tamén colaboran para tarefas de difusión a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA),  estriba na celebración de sesións demostrativas nos campos de prácticas da EPS de Enxeñaría. Daquela, as persoas inscritas nesta xornada técnica poderá ver en funcionamento dous dos robots fabricados pola empresa francesa Naio Technologies: o modelo TED, para traballos en plantacións de viñedo, e o modelo OZ, para traballos en explotacións hortícolas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.07.2023.