Ir o contido principal

Xornadas sobre a cultura e o patrimonio das comunidades pesqueiras

9/10/2023 - 12.00 horas

Salón de Graos

A catedrática de Antropoloxía da Universitade de Valencia Beatriz Santamarina abre este luns, ás 12.00 horas, no Salón de Graos do centro universitario lugués, un foro sobre a cultura do mar que se mudará o martes ao porto de Burela

Cartaz do programa das xornadas
Cartaz do programa das xornadas

A cultura e o patrimonio das comunidades pesqueiras centran a temática das xornadas ‘A Cultura do mar: un campo de traballo para a antropoloxía. Patrimonio, sustentabilidade, gobernanza e xustiza social’, un foro organizado pola profesora da área de Antropoloxía Social da USC Elena Freire Paz que bota a andar este luns 9 de outubro, a partir das 12.00 horas, no Salón de Graos da  Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC.

A catedrática de Antropoloxía da Universidade de Valencia Beatriz Santamarina Campos abrirá a quenda de intervencións deste programa, que conta con financiamento da Deputación Provincial de Lugo, e co que tamén colaboran o Concello de Burela e a empresa Pescados Rubén, cun relatorio que leva por título ‘Patrimonio colectivo e sustentabilidade. Un matrimonio imperativamente indisoluble’. De seguido, o profesor da Universidade da Coruña Antonio García Allut abordará na súa intervención a patrimonialización e resiliencia nas poboacións de pescadores artesanais.  

As xornadas sobre a cultura do mar continuarán en quenda de tarde coa  exposición ‘Introdución á gobernanza marina: xestión integrada e modelos de toma de decisión’ a cargo do profesor do departamento de Ciencia Política e Socioloxía da USC Javier Seijo Villamizar. Ao seu remate, Carlos Sebastián Villasante, do Departamento de Economía Aplicada da USC, ofrecerá o relatorio ‘Pescando (a)mares: navegando desde a economía á equidade social’.  O antropólogo e profesor da Universidade de Sevilla David Florido del Corral pechará a quenda de intervencións destas xornadas coa charla ‘Podemos mellorar as formas de pescar en flotas artesanais? Leccións desde o éxito e o fracaso’.

O programa deste foro continuará o martes 10 de outubro cunha visita ao municipio de Burela, que conta cun dos principais portos pesqueiros do Cantábrico, unha praza especialmente relevante no que se refire a descargas de bonito e de pescada do pincho. Esta saída práctica permitirá ao alumnado e demais persoas inscritas nestas xornadas recoñecer sobre o terreo os contidos, cuestións, exemplos e inquedanzas xurdidos das conferencias celebradas a xornada anterior no marco deste programa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.10.2023.