A democratización, as políticas de xénero e currículo docente, ou os desafíos da intelixencia artificial xenerativa son algúns dos temas que se abordarán

As Xornadas Internacionais de Didáctica da Filosofía desenvólvense no Salón de Actos da Facultade de Filosofía do xoves 14 ao sábado 16 de novembro, coorganizadas polo centro e a Asociación Nexos de Didáctica da Filosofía. A inauguración é o xoves ás 16.00 horas e tras ela terá lugar a conferencia ‘A filosofía fóra dos camiños sabidos: Michel Tozzi e o desafío da democratización: retos, modelo e perspectivas’, que se transmitirá en liña e que se complementará cunha mesa redonda con Charlie Renard e Michel Tozzi moderada por María Brañas Costas.
Entre as charlas máis salientables do venres están a de Joaquim Neves Vicente, ‘O ensino da Filosofía nos currículos internacionais, en correspondencia cos grandes ámbitos lingüístico-culturais’ e a de Carme Adán Villamarín, ‘Políticas de Xénero e currículo’. O sábado, Laura Linares Abadía falará de ‘Intelixencia artificial e filosofía. Repensar a práctica docente ante a irrupción da IA xenerativa’.
Estas Xornadas concíbense como un espazo de carácter internacional para toda a comunidade filosófica, no que se abordarán temas e experiencias relativos á didáctica da Filosofía, para que poidan servir como orientación na práctica filosófica en diferentes ámbitos e modelos educativos. A asistencia é gratuíta, aínda que as prazas están limitadas á capacidade dos espazos.
Recoñecemento
A participación nas Xornadas será recoñecida como curso de formación de profesorado para docentes de ensino medio pola Consellería de Educación e para persoal docente e investigador da USC por parte de Vicerreitorado de Titulacións, e mesmo será recoñecida como unha actividade que permitirá a adquisición dun crédito ECTS para o estudantado que se matricule.
O financiamento das Xornadas corre a cargo da Xunta de Galicia a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), así como da Deputación Provincial da Coruña, e contan cunha axuda para proxectos de actividades sobre normalización lingüística da USC.
