O programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC organiza o venres 25 un amplo programa gratuíto de visitas guiadas aos centros universitarios lugueses dirixido á participación de estudantes e das súas familias. A inscrición está aberta

O Campus de Lugo da USC celebrará o venres 25 de xuño unha xornada de portas abertas dirixido a estudantes preuniversitarios e ás súas familias. A iniciativa promovida desde o programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC pretende ofrecer aos futuros universitarios a posibilidade de coñecer de primeira man as entrañas da sede universitaria luguesa ao longo dunha xornada durante a que os participantes tamén recibirán información a demanda e segundo as súas preferencias dos títulos, das instalacións, e dos servizos universitarios dos que poden gozar de formalizar a súa matrícula para o próximo curso académico na sede universitaria luguesa.
A xornada de portas abertas, nas que participan todos os centros emprazados no Campus universitario agás a Facultade de Formación do Profesorado, cuxa sede se atopa no centro da cidade, estrutúrase nun programa de itinerarios que, desde a Biblioteca Intercentros, permitirá a todos os usuarios inscritos percorrer a superficie universitaria sobre a que se estende o Campus lugués, ademais de visitar as aulas, laboratorios e demais instalacións das facultades e escolas.
O programa contempla tres itinerarios diferenciados relacionados coas áreas de coñecemento de Ciencias da Saúde (graos en Bioquímica, Veterinaria, Nutrición Humana e Dietética e Enfermaría), Enxeñarías (graos en Robótica, Paisaxe, Enxeñaría Civil, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais) ou Ciencias Sociais e Humanidades (graos en Xestión Cultural, Administración e Dirección de Empresas, Relacións Laborais e Recursos Humanos ou Empresa e Tecnoloxía). Daquela, a xornada de portas abertas promovida no Campus de Lugo ofrecerá ao alumnado interesado facer visitas guiadas por estudantes, docentes ou persoal da USC, ademais de participar en sesións informativas sobre cada unha das titulacións en quendas de mañá e tarde. Nestes encontros tamén se poderá acadar información de bolsas, residencias universitarias, funcionamento e réxime da biblioteca, así como outros servizos de interese que dispensa o Concello de Lugo.
A explanada da Biblioteca Intercentros será o epicentro deste encontro, xa que o exterior deste espazo universitario localizado no corazón do Campus de Lugo é o lugar desde que os estudantes e demais acompañantes emprenderán o seu particular percorrido universitario en quendas que mañá e de tarde.
A primeira das visitas, que están limitadas a un máximo de 24 participantes e teñen unha duración media de dúas horas, comezará ás 10.00 horas. Así, logo de completar o itinerario elixido polo campus universitario e xa de volta nas dependencias bibliotecas, o alumnado poderán acadar información detallada das titulacións que lles interesen nos distintos postos habilitados para tal efecto e da man de responsables académicos e técnicos da Oficina de Información Universitaria da USC. Este mesmo percorrido poderá repetirse ás 12.00, 16.00 e 18.00 horas, en función da quenda escollida.
As xornadas de portas abertas organizadas desde o programa A Ponte da USC son gratuítas para todas as persoas interesadas, aínda que cómpre facer a inscrición previa a través da ligazón web https://forms.office.com/r/qEzbsCMxtq.