Ir o contido principal

Xornadas sobre os retos do sector lácteo

25/10/2023 - 9.30 horas

Financiamento , sustentabilidade, produción e innovación constitúen os catro eixes sobre o que xirará o programa promovido polo grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) do Campus Terra da USC, que e inclúe unha visita á Granxa Gayoso Castro

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada

O grupo de investigación de Proxectos e Planificación (PROePLA) do Campus Terra da USC organiza o próximo mércores 25 de outubre a xornada ‘Retos do sector lácteo’, un foro aberto no marco do que diversos relatores abordarán na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo o futuro das explotacións de vacún de leite de Galicia desde diferentes ópticas, tal e como son financiamento, sustentabilidade, produción e innovación.

As xornadas sobre os retos do sector lácteo promovidas por PROePLA permitirán achegarse á realidade e ás problemáticas advertidas nun sector estratéxico de Galicia a través dos testemuños de diferentes especialistas, que amosarán e debaterán sobre os posibles itinerarios para avanzar, así como respecto das marxes de actuación que deben guiar o sector nun contexto marcado por un novo marco lexislativo e con continuas flutuacións nos mercados.

O programa de relatorios comezará ás 9.30 horas coa charla ‘Os retos para o financiamento’, a cargo do director de Banca Sectorial de Abanca, Jesús Combarro. Este licenciado en Administración e Dirección de Empresas pola USC, que, entre outros cometidos profesionais, tamén foi director de Abanca Agro, abordará na súa intervención as posibilidades de financiamento que teñen na actualidade as explotacións leiteiras.

O enxeñeiro agrónomo e responsable de produto de Egais da multinacional Alltech, Henrique Prado, abordará de seguido neste foro os retos para a sustentabilidade que deben afrontar as granxas de leite e afondará sobre as posibilidades de aproveitamento de residuos gandeiros.

A fertilización de solos como base para a produción de forraxes centrará a temática da intervención do director técnico do grupo Aresa, e Rubén de Castro, un enxeñeiro técnico agrícola egresado da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo que conta xa cun ampla experiencia en fertilización de solos para a produción de viño.

O enxeñeiro agrónomo formado tamén na sede universitaria luguesa Mario Rouco pechará a palestra de intervencións cunha charla na que abordará os retos para a innovación dende a perspectiva dunha empresa xove e innovadora como é Innogando, na que actualmente desenvolve tarefas de , que na actualidade desenvolve tarefas de desenvolvemento de negocio e vendas. Na súa intervención, Rouco presentará exemplos de como a tecnoloxía axuda a que os gandeiros afronten os desafíos de xestionar a súa explotación.

As xornadas ‘Retos do sector lácteo’ continuarán en quenda de tarde, de 16.00 a 18.30 horas, na Granxa Gayoso Castro, unhas instalacións localizadas no concello de Castro de Castro de Rei e que a Deputación de Lugo e a USC comparten nos eidos da investigación, innovación, formación e transferencia. A veterinaria Sonia Verdes, directora da granxa, acompañará ás persoas participantes nesta visita, durante a que, ademais de ver as súas modernas instalacións de que dispón a granxa, o público  tamén poderá asistir a sesións de demostración dos equipos de Innogando.

PROePLA

O grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) do Campus de Lugo da USC, un equipo coordinado polo catedrático Manuel Marey, conta xa cunha traxectoria de máis de 25 anos, un período no que mantivo unha firme aposta pola transferencia, a investigación e a innovación en colaboración co todo o sector agrario galego. O labor desenvolvido neste tempo desde PROePLA, un grupo de referencia competitiva en Galicia, tradúcese no desenvolvemento de numerosos proxectos de investigación, así como nun amplo abano de publicacións e de teses de doutoramento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.10.2023.