
A Universidade de Santiago de Compostela organiza unhas xornadas de traballo con persoal experto invitado no marco da creación do novo Instituto de Investigación en Humanidades.
Como parte da súa estratexia de organización da investigación para maximizar a calidade da produción científica e o seu impacto en favor da sociedade, a USC está a impulsar a creación desta entidade actualmente promovida por grupos das áreas de Historia, Filoloxía, Filosofía e Comunicación, entre outras.
A creación do instituto e a definición dos seus obxectivos científicos baséase nun proceso participativo entre o persoal investigador e reputado persoal experto externo, así como persoal técnico do Vicerreitorado de Investigación e Innovación da Universidade.
Para avanzar na obtención dun discurso e axenda científica sólida, os próximos días 9 e 10 de novembro organízanse, no Centro Internacional de Estudos de Doutoramento e Avanzados da USC da USC, unhas xornadas de traballo nas que se contará con figuras expertas como Manuel Carreiras, director do Centro de Investigación BCBL vasco, Felipe Criado, director do INCIPIT-CSIC, Javier Echeverría, presidente da Academia das Ciencias, Artes e Letras do País Vasco, Nieves Pena, profesora da Universidade da Coruña, Nuria Rodríguez, catedrática da Universidade de Málaga e presidenta da Sociedade Internacional de Humanidades Dixitais Hispánicas, Juan Ignacio Oliva, profesor da Universidade de la Laguna, e Ulises Moulines, profesor emérito da Universidade de Munich.
Nestas xornadas tamén participará persoal investigador promotor do instituto e representantes doutras disciplinas científicas como a arquitectura, matemática, bioloxía, medicina, paisaxe, ou tecnoloxías da información, entre outros.