Ir o contido principal

XVI Curso de Iniciación á Micoloxía

17/10/2022 - 18.30 horas

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC celebra do 17 ao 21 de outubro un seminario sobre micoloxía que inclúe unha mostra de cogomelos. A inscrición é gratuíta e xa se pode formalizar no formulario habilitado en liña

Imaxe dunha cantarela
Imaxe dunha cantarela

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC celebra do 17 ao 21 de outubro, en quenda de tarde, a décimo sexta edición do Curso de Iniciación á Micoloxía, un foro monográfico que afondará na identificación e conseguinte diferenciación entre cogomelos comestibles e velenosos e que se completará cunha exposición nas inmediacións do salón de actos do centro universitario lugués. A inscrición neste curso, en cuxa organización tamén colabora a Asociación Micolóxica Lucus, é gratuíta para todo o público interesado, que xa pode confirmar a súa participación nas distintas sesións a través do formulario xa habilitado en liña.

O profesor do Departamento de Produción Vexetal da USC Juan Luis Fernández Lorenzo abrirá o programa desta actividade o 17 de outubro, ás 18.30 horas, no salón de actos da EPSE, cunha charla de achegamento ao mundo dos fungos, no marco da que tratará as formas de vida, a morfoloxía e a ecoloxía dos cogomelos. Ao remate da súa intervención, o público participante poderá tomar parte unha sesión práctica.

Os cogomelos comestibles centrarán a temática das sesións programadas os días 18 e 19, que serán impartidas polo catedrático emérito do Departamento de Produción Vexetal da USC na EPS de Enxeñaría, Antonio Rigueiro. Asemade, o presidente da Asociación Micolóxica Lucus, Julián Alonso Díaz, dará continuidade a este monográfico sobre micoloxía os días 20 e 21 con dúas charlas sobre cogomelos tóxicos e intoxicacións.

O catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC Roque Rodríguez Soalleiro pechará a quenda de intervencións neste foro o 21 de outubro, a partir das 19.30 horas, cun relatorio baixo o título ‘Produción de cogomelos en ecosistemas forestais galegos. Selvi-cultura e produción de cogomelos’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.10.2022.