Ir o contido principal

Inauguración do Curso 2023-2024

XVI Promoción ESTALMAT Galicia

30.09.2023 | 11.00h

Santiago de Compostela
Aula Magna

Bota a andar a décimo quinta promoción deste programa de estímulo ao talento matemático da mocidade

Facultade de Matemáticas. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Matemáticas. FOTO: Santi Alvite

A inauguración do curso 2023-24 do Programa ESTALMAT-Galicia desenvolverase na Aula Magna da Facultade de Matemáticas o sábado 30 de setembro a partir das 11 horas.

Na sesión de apertura, presidida polo reitor Antonio López, participan autoridades académicas, patrocinadores do proxecto, representantes do ensino medio dos centros seleccionados e membros do equipo docente do proxecto. Logo da sesión, o alumnado acode a un campamento matemático durante a fin de semana no Albergue de Ecoturismo Alvarella-Concello de Vilarmaior na Coruña, “que supón unha toma de contacto entre elas e eles nun ambiente lúdico-matemático”, explica a decana de Matemáticas e presidenta do programa, Elena Vázquez Cendón. Un total de dezaseis alumnos/as veñen da Coruña, unha persoa procede de Lugo, e oito de Pontevedra, representando a dezaseis localidades diferentes de Galicia, sendo un 24% de Santiago de Compostela. 

O acto de apertura do curso conta tamén coa participación da directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA), Rosa Crujeiras, que tamén é docente no programa; a deputada provincial Mar García Vidal, en representación da Deputación da Coruña e das entidades patrocinadoras; e o profesor Andrés Dopazo, docente de matemáticas e ciencias en secundaria no Colexio plurilingüe Nuestra Señora de los Remedios de Santiago de Compostela, en representación dos docentes que animan os estudantes a presentarse ás probas. Tamén asiste a directora de dito centro, Anxos Cánibe Brión. A presentación da promoción realízaa a secretaria do Comité Organizador de ESTALMAT-Galicia, Marina Germiñas Miguéns, pertencente ao IES Aquis Celenis-Caldas De Reis. 

O proxecto

O Proxecto ESTALMAT-Galicia está pilotado por membros da Facultade de Matemáticas da USC e de distintos centros de ensino secundario de Galicia, contando con profesorado das tres universidades galegas e do ensino medio. Dispón dun financiamento específico da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, que tamén facilitan material promocional xunto con CASIO, e as Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra. Colabora tamén o Centro de Supercomputación de Galicia e o CITMAGA.

O Proxecto ESTALMAT-España botou a andar en 1998 e desenvólvese en distintas comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Castela-A Mancha, Andalucía, Canarias, Valencia, Cantabria e Illas Baleares. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.09.2023.