A Escola Técnica Superior de Enxeñaría celebra 20 anos de historia nun acto que será presidido polo reitor Antonio López

A celebración do vinte aniversario da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) arrancará o xoves 15 de decembro ás 12.30 horas nun acto que se desenvolverá no Salón de Actos do centro e que abrirá o reitor da USC, Antonio López.
O evento contará coas intervencións da actual directora do centro, Julia González Álvarez, e doutros profesores da USC que asumiron ese mesmo cargo ao longo destes vinte anos, como Juan Manuel Lema Rodicio, director da ETSE entre 2004 e 2012 e Antonio Mosquera González, á fronte do centro entre 2012 e 2020.
Andrés García-Rodeja, responsable de Análise e Goberno de Información en INDITEX, e Cristal Paz Bonilla, responsable de Mellora Continua en Grupo Nueva Pescanova tomarán parte no acto en representación do tecido empresarial vencellado á ETSE.
Ademais, o aniversario contará coa participación dos ex reitores da USC Senén Barro Ameneiro e Juan Casares Long.
O acto gozará do acompañamento musical dun trío de corda conformado por integrantes da Orquestra da USC: Pablo Rodríguez (violín), Francisco José Pérez (violín) e Xesús Seoane (violoncello), intepretarán composicións de G.F. Händel, J.P. Rameau e C. Gardel.