Ao abeiro do congreso, celébrase tamén o III Encontro de Doutorandas/os e Investigadoras/es Noveis en Educación
A Asociación Interuniversitaria de Investigación Pedagóxica (AIDIPE), en colaboración con diversos grupos de investigación das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, organiza o XX Congreso Internacional de Investigación Educativa, que se celebrará do 15 ao 17 de xuño de 2022 na Facultade de Ciencias de Educación da USC.
O congreso busca ser un foro de encontro para a presentación e debate dos últimos avances en investigación educativa. Na súa vixésima edición, toma como eixe vertebrador a investigación educativa como medio para acadar unha educación equitativa e de calidade.
O foro contará con relatoras e relatoras referentes do ámbito educativo da contorna internacional como estatal, como Robert E. Stake e Merel Vissel, da Universidade de IIlinois (EUA); Saville Kushner, da Edge Hill University (Reino Unido); Benito Echeverría Samames, da Universidade de Barcelona; Pilar Martínez Clares e Pilar Arnaiz Sánchez, da Universidade de Murcia; Francisco Aliaga Abad, da Universidade de Valencia; José Miguel Arias Blanco, da Universidade de Oviedo; F. Javier Murillo, da Universidade Autónoma de Madrid; Ángeles Rebollo Catalán e Eduardo García Jiménez, da Universidade de Sevilla; Susana Olmos Migueláñez e Mª José Rodríguez Conde, da Universidade de Salamanca; Eva Olmedo Moreno, da Universidade de Granada; Marta Ruiz Corbella, da UNED de Madrid; e Javier Vidal, da Universidade de León.
A inauguración do evento terá lugar o mércores 15 de xuño ás 16.00 horas na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Vida.
De forma previa á súa celebración, o mesmo centro da USC acollerá o 14 de xuño o III Encontro de Doutorandas/os e Investigadoras/es Noveis en Educación de AIDIPE, un espazo onde mocidade investigadora poderá expor os seus plans e proxectos de investigación nunha contorna que favorecerá a súa mellora a través do intercambio de ideas.