Ir o contido principal

Congreso

XXI Coloquio Internacional de Lingüística Latina

Do 30 de maio ao 3 de xuño

Santiago de Compostela

A XXI edición deste coloquio dedícase ao recoñecido lingüísta holandés Harm Pinkster, finado en 2021

XXI Coloquio Internacional de Lingüística Latina
XXI Coloquio Internacional de Lingüística Latina

Do 30 de maio ao 3 de xuño celebrarase na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago o XXI Coloquio Internacional de Lingüística Latina, un congreso que se celebra bienalmente desde a súa primeira edición en Ámsterdam (1981) e único das súas características na o panorama científico internacional.

Trátase dun coloquio organizado ao abeiro do Comité Internacional de Lingüística latina, que está constituído por integrantes das universidades de Ámsterdam, Autónoma de Madrid, Bolonia, Innsbruck, Xerusalén, Las Palmas de Gran Canaria, Lieja, París- Sorbona, Roma- Tor Vergata, Toulouse e Uppsala. Esta serie de coloquios foi iniciada polo recoñecido lingüista holandés Harm Pinkster (1942-2021), quen pouco antes de falecer a finais do pasado ano recibira unha importante distinción da Casa Real holandesa (‘Ridder in de orde van de Nederlandse Leeuw’: Caballero da Orde do León Holandés) polos seus logros académicos e a súa contribución á comunidade científica e á sociedade en xeral. Pinkster logrou escribir unha páxina esencial no ámbito da lingüística latina e á súa memoria dedicarase a celebración do congreso que terá lugar en Santiago de Compostela, cuxa Universidade visitou en diversas ocasións por motivos académicos. A súa última obra —os dous completísimos tomos da Sintaxe Latina de Oxford (2015; 2021)— constitúe un auténtico fito dentro da lingüística latina e está chamada a marcar un antes e un despois no conxunto dos estudos sobre esta disciplina.

A temática destes coloquios bienais xira ao redor de calquera aspecto relevante da lingüística latina —sintaxe, semántica, pragmática, lexicografía, fonética, morfoloxía, etc.—, tanto desde unha perspectiva sincrónica como diacrónica. A pesar das circunstancias de incertezas e dificultades actuais, no coloquio participarán máis de cen especialistas de case todos os países de Europa, de Estados Unidos, de varias nacións de América Latina e mesmo de Asia. Este feito é xa unha mostra da vixencia e importancia deste campo de estudo dentro do marco máis amplo das humanidades clásicas.

O comité local organizador está formado por profesores do Departamento de Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago. O congreso conta co patrocinio económico da Xunta de Galicia, a través da Oficina de Turismo da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.06.2022.