
A edición número vinteún da 'Xornada Científica REALITER: Terminoloxía e cambio social' desenvolverase no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía do 23 ao 24 de outubro. A primeira das sesións estenderase entre as 9.00 e as 17.00 horas, mentres que a derradeira xornada será de 10.00 a 17.30 horas. A actividade está organizada polo Servizo de Terminoloxía Galega (TERMIGAL)-Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Instituto da Lingua Galega (ILG) e a rede REALITER.
As grandes transformacións da sociedade actual no eido ideolóxico e socioeconómico teñen unha forte repercusión na incorporación de nova terminoloxía vinculada con ámbitos que pasaron a ocupar un lugar nuclear na sociedade nos últimos tempos. Con todo, o cambio social tamén afecta ao propio tratamento conceptual dos termos como consecuencia dunha nova mentalidade, visible en campos como o da familia, o do feminismo ou o dos estudos de xénero.
Os avances tecnolóxicos supuxeron unha revolución no traballo en terminoloxía e isto xerou novas ferramentas en formatos e soportes innovadores. A aplicación destas ferramentas no campo científico e industrial, no da tradución ou no da planificación lingüística deu lugar a unha diversa tipoloxía de produtos terminolóxicos, que deben deseñarse para adaptarse a novas realidades, coma a tradución automática e a intelixencia artificial.
A Rede Panlatina de Terminoloxía REALITER agrupa diversas entidades académicas e institucionais que traballan no eido da terminoloxía, principalmente das linguas románicas, e invitou especialistas desta área a participaren e presentaren as súas achegas nesta XXI xornada, que xirará arredor do tema Terminoloxía e cambio social. Nesta edición presentaranse comunicacións sobre a repercusión que ten o cambio social tanto no desenvolvemento do traballo terminolóxico coma no propio produto e na súa difusión.