A edición XXIV da European Conference on Artificial Intelligence (ECAI) terá lugar entre o 29 de agosto e o 8 de setembro a través dun formato dixital.

"É a primeira vez que este congreso se realizará en dixital nos seus case 50 anos de vida e será un evento histórico, con máis contidos e participación cá nunca", afirmou o presidente do comité organizador do congreso e director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC, Senén Barro. O ex reitor asegurou que esta reformulación terá un impacto moi positivo sobre o número de asistentes. "Agardabamos un milleiro de persoas en Compostela e agora serán varios miles os que poderán participar", explicou.
'Digital ECAI2020' contará con relatores da elite científica mundial en Intelixencia Artificial, cuxas charlas serán en directo. A presentación de traballos científicos —só un de cada catro artigos foi aceptado, dun total de máis de 1.500 propostas recibidas— consistirá nun vídeo pregrabado polo autor, que poderá ser visionado en calquera momento e dará lugar a un debate en directo a través de videoconferencia, ademais dunha canle de texto (chat); a principal vantaxe deste chat é que non só estará activo durante o debate en directo, senón tamén de maneira asíncrona, unha vez que o encontro remate. As sesións puramente científicas convivirán no espazo virtual da conferencia con titoriais, reunións de mozos e mozas investigadores/as con científicos sénior, espazos expositivos, unha selección das startups máis innovadoras, debates sobre a política europea en IA ou os pavillóns de distintos patrocinadores, entre outros moitos contidos.
Finalizada a conferencia, 'Digital ECAI2020' permitirá o acceso indefinido e gratuíto aos seus contidos principais, en particular aqueles de carácter científico, en liña co compromiso da Asociación Europea de Intelixencia Artificial (EurAI), entidade que auspicia o congreso e que agrupa ás asociacións de IA dos distintos países de Europa.