Santiago de Compostela
Salón de Actos
A USC recibe en 2022 o XXV Simposio da Sociedade Española de Investigación en Educación Matemática

Do 1 ao 3 de setembro a Facultade de Ciencias da Educación da USC (Campus Norte) acollerá a celebración do XXV Simposio da Sociedade Española de Investigación en Educación Matemática (SEIEM), unha sociedade de grande actividade tanto na mellora da docencia das matemáticas (a nivel teórico e práctico) como na súa divulgación. O seu simposio anual, que visita en cada edición unha universidade da contorna estatal que conte cun grupo de referencia no campo, tense convertido en punto de encontro de persoas investigadoras en educación matemática de toda España, Portugal e Latinoamérica, dando espazo tanto a investigadoras consolidadas como a aquelas que inician o seu camiño nesta área.
A inauguración oficial desta vixésimo quinta edición terá lugar no Salón de Actos do centro o día 1 de setembro ás 15.00 horas e contará coa presenza do reitor da USC, Antonio López; da decana da Facultade de Ciencias da Educación, María del Carmen Fernández Morante; a presidenta da SEIEM, Nuria Climent Rodríguez; e da coordinadora do comité local e profesora da Área de Didáctica Matemática da USC, Teresa Fernández Blanco.