Ir o contido principal

XXXIV Olimpíada Española de Física

28/04/2023 - 09.30 horas

O certame académico organizado pola Real Sociedade Española de Física co patrocinio de Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Concello de Lugo, citará o 28 de abril na Facultade de Ciencias os mellores estudantes de Física en Bacharelato e FP

Facultade de Ciencias da USC
Facultade de Ciencias da USC

A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC acolle este venres 28 de abril a trixésima cuarta edición da Olimpíada Española de Física, un certame promovido pola Real Sociedade Española de Física co apoio económico da Xunta de Galicia, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Lugo, no que se agarda a participación dunhas 150 persoas, entre estudantes de Bacharelato, profesores acompañantes e membros da comisión académica responsable das probas.

Este certame académico de periodicidade anual constitúe unha cita habitual dos mellores estudantes de Física en primeiro e segundo curso de Bacharelato, así como do último curso de Formación Profesional en calquera centro educativo de España. A Olimpíada Española de Física é unha iniciativa organizada desde 1990 pola Real Sociedade Española de Física a instancias do Ministerio de Educación. De feito, antes da celebración da fase nacional, cada distrito universitario organizou as respectivas probas locais, cuxos primeiros clasificados tomarán parte no torneo programado o 28 de abril na Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC.

A Real Sociedade Españolade Física decantouse este ano 2023 pola USC como sede para realizar estas probas, das que a profesora María Villanueva López actuará como presidenta do comité de organización dun certame que conta co apoio das facultades de Ciencias e de Física da USC.

Os actos desta XXXIV Olimpíada Española de Física, coa que tamén colabora a Facultade de Física da USC, darán comezo o 27 de abril cunha recepción na sede da Deputación de Lugo e chegarán ao seu colofón o domingo 30 de abril coa entrega de galardóns. As probas para o estudantado desenvolveranse o venres 28 nas Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC, logo dunha breve sesión inaugural, prevista para as 9.30 horas, na que participarán, entre outros, o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, e o presidente da Resal Sociedade Española de Física.

Os estudantes mellor clasificados representarán a España nas dúas competicións internacionais. Así os cinco estudantes que acadena mellor puntuación formarán o equipo español que participe na International Physics Olympiad (IPhO), e o alumnado clasificado entre o sexto e o noveno lugar integrarán o equipo que asistirá á Olimpíada Iberoamericana (OIbF).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.04.2023.