Ir o contido principal

Máis de 1.000 estudantes galegos coñecen a oferta académica, os servizos e a I+D da USC no Campus de Lugo

Francisco Fraga e Lara Méndez, entre o estudantado preuniversitario no Campus de Lugo
Francisco Fraga e Lara Méndez, entre o estudantado preuniversitario no Campus de Lugo
O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, deu a benvida ao estudantado preuniversitario chegado das provincias de Lugo, A Coruña e Ourense, na Biblioteca Intercentros nun acto no que tamén participou a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, e coordinador do programa ‘A Ponte’, Celso Rodríguez
Lugo

A USC achega ao estudantado preuniversitario a oferta de estudos, o abano de servizos e algunhas das liñas de investigación que se desenvolven ata este xoves na sede universitaria luguesa a través dos Encontros no Campus de Lugo e a mostra A USC Camiña, dúas actividades promovidas polo programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC para dar a coñecer as instalacións de que dispón a sede universitaria luguesa, familiarizarse cos programas de estudo e as saídas profesionais das titulacións de grao que nel se imparten, ademais de descubrir o seu potencial científico a través de charlas divulgativas e obradoiros impartidos por docentes e investigadores.

O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga López, e o coordinador do programa A Ponte, Celso Rodríguez, ofreceron este mediodía un breve acto de benvida ao alumnado preuniversitario citado na Biblioteca Intercentros, no marco dun acto no que  tamén participou a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, ademais dun nutrido grupo de docentes, entre os que cómpre citar á actual coordinadora do programa ‘A Ponte’ na sede luguesa, Mercedes Novo, así como a Elvira López Mosquera e Antonio Álvarez, que se incorporarán en breve á renovada estrutrura do Goberno da USC.

As instalacións da Biblioteca Intercentros, localizadas no ‘corazón’ do Campus de Lugo, rexistraron desde primeira hora da mañá un elevado tránsito de estudantes preuniversitarios, que, organizados en grupos e en diferentes quendas horarias, recibiron información sobre as ferramentas, servizos e actividades que pon á súa disposición o Servizo de Normalización Lingüística da USC, realizaron visitas ás dependencias bibliotecarias e ás da residencia universitaria Jesús Bal y Gay, participaron en charlas informativas respecto da actividade formativa e de mobilidade internacional do Centro de Linguas Modernas (CLM) ou do cometido que se desenvolve desde o Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU) e desde o Servizo de Deportes da USC. A mocidade convocada tamén tivo a oportunidade de achegarse ao amplo abano de actividades culturais que promove a Área de Cultura a través da Aula de Teatro, dos Espazos de Danza e Fotografía, Orquestra Sinfónica, ademais dos ciclos de música, exposicións, obradoiros de creación, seminarios... completan a primeira inmersión universitaria do alumnado participante.

O programa matinal dos Encontros no Campus de Lugo, que está estruturado en distintos itinerarios, a través dos que se pretende responder as preferencias manifestadas polo alumnado preuniversitario, antóllase como un verdadeiro escaparate da oferta académica e dos servizos que presta a USC na súa sede de Lugo. De feito, alén dos paneis informativos, esta actividade inclúe tamén sesións informativas sobre as titulacións impartidas nas distintas facultades e escolas universitarias, ao tempo que contempla obradoiros temáticos específicos sobre recoñecemento de madeiras, cultivo hidropónico, manexo de robots, construción de pontes, detección de radiacións, xestación porcina a través dun simulador ou novas linguaxes e formas de comunicación a través das RRSS, TikTok ou Instagram.

Actividades para profesorado e proxenitores

A mostra A USC Camiña, que permanecerá instalada ata este xoves na Biblioteca Intercentros, complétase con actividades orientadas especialmente a nais, pais e profesorado, pero abertas a todo o público interesado que se desenvolverán as dúas xornadas en quenda de tarde, a partir das 16.30 horas, nas instalacións do edificio CACTUS. A profesora Mercedes Novo abrirá estas sesións cunha charla sobre a experiencia vital que significa a realidade universitaria. De seguido, o programa do mércores contempla tres pílulas de divulgación científica sobre enfermidades neurodexenerativas, enzimas artificiais ou parasitos en vacún, a cargo de María Villar, Lara Rouco e David García, tres representantes da mocidade investigadora do Campus de Lugo da USC.

Un coloquio sobre as enxeñarías, no que intervirán como relatores docentes e investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e da Facultade de Ciencias servirá, a partir das 18.30 horas, como colofón da primeira xornada dos Encontros no Campus de Lugo. O programa do día 24 continuará coa visita de alumnado en quenda de mañá. Xa pola tarde, a profesora Novo Rodríguez abrirá, ás 16.30 horas, tamén no edificio CACTUS, a sesións orientadas a profesorado e proxenitores. Ana Manuela de Azevedo, Saskia Flament e Marta López Alonso ofrecerán cadansúa charla de divulgación científica na que abordarán cuestións ligadas a anatomía e esqueletos animais, ciencia aplicada ao desenvolvemento de vacinas ou a incidencia dos minerais no tratamento do cancro.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.03.2022.