Ir o contido principal

Máis de 1.100 escolares participan no campionato de España de modelado 3D de precisión con teléfono móbil

Usuarios manexan un ordenador
Usuarios manexan un ordenador
O torneo, promovido polo grupo de investigación USCAN3D da Universidade de Santiago de Compostela, é pioneiro a nivel mundial

A ‘D3Mobile Metrology League’, unha competición de ámbito nacional de modelado 3D, ideada e promovida polo Grupo de Investigación para a Documentación en 3D (USCAN3D) da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC, en colaboración con outras entidades e organismos tanto públicos como privados, congregou a máis de 1.100 participantes, pertencentes a 120 centros escolares de toda España.

Os datos facilitados polos organizadores deste pioneiro campionato nacional constatan a inscrición dun total de 350 equipos pertencentes a 120 centros escolares de practicamente todas as comunidades autónomas do país: Andalucía (45 equipos), Aragón (17), Baleares (4), Canarias (24), Cantabria (17), Castela e León (43), Castela A Mancha (2), Cataluña (5), Comunidade Valenciana (26), Estremadura (3), Galicia (83), Madrid (31), Murcia (22), Navarra (22) e País Vasco (4). “Grazas ao material didáctico, o software e os protocolos de investigación que lles proporcionamos, los alumnos participantes xa están comezando a desenvolver os modelos 3D de precisión, obtendo medicións neles e xogando a ser científicos” sinala Juan Ortiz, o director deste proxecto. A ‘D3Mobile Metrology League’, engade Ortiz, pretende deste xeito fomentar a vocación por esta profesión entre o alumnado de 4º da ESO e de Bacharelato, xa que moitos deles serán os responsables de que a investigación acade a relevancia que merece na sociedade do futuro. “As dúas probas con puntuación das que consta o campionato nacional de modelado 3D permitirán decidir que equipo é capaz de determinar as dimensións dos obxectos con maior calidade de medida. Ademais, cada equipo obterá como resultado, entre outros, o modelo 3D virtual dun obxecto seleccionado por eles e que será valorado por votación popular do público do evento durante o mes de maio”, explica Juan Ortiz. Os equipos que fagan mellor as súas respectivas medicións, os que reciban máis votos do público e incluso algúns dos votantes dos modelados 3D poderán gañar algunha das ‘tablets’, establecidas como premios neste campionato. A ‘D3Mobile Metrology League’, que pretende difundir entre os escolares españois o labor das entidades organizadoras, en xeneral, e da Universidade de Santiago en particular, pódese seguir a través da web www.d3mobile.es, así como en facebook, twitter ou no canal youtube. O director deste proxecto, o profesor Juan Ortiz, en calidade de voceiro dos organizadores da ‘ D3Mobile Metrology League’, agradece publicamente o apoio recibido de todos os centros de ensino, profesores e do estudantado inscrito no torneo, xa que “sen o seu esforzo e entusiasmo non tería sido posible acadar este elevado nivel de aceptación”, conclúe. Ortiz fai tamén extensibles os seus agradecementos á Fundación Española para a Ciencia e la Tecnoloxía (FECIT), ó Centro Español de Metroloxía (CEM) e ó Centro Nacional de Información Xeográfica (CNIX). Un recoñecemento que os organizadores da ‘D3Mobile Metrology League’ fan tamén aos patrocinadores e colaboradores do proxecto, entre os que figuran empresas do ámbito tecnolóxico, como a Fundación Vodafone España ou Autodesk; gobernos autonómicos e provinciais, como a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo, os gobernos de Navarra, Castela e León ou de Murcia. Asociacións de centros de ensino como a Asociación de Centros Autónomos de Ensinanza Privada (ACADE), a Fundación Europea Educación e Liberdade (FUNDEL) ou a Confederación Española de Centros de Ensinanza (CECE); asociacións de pais de alumnos, como a Confederación Española de Asociacións de Pais de Alumnos (CEAPA) e sindicatos de docentes, como ANPE sindicato independente, a Federación de Sindicatos Independentes de Ensino (FSIE) ou a Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSI-F), teñen tamén, pola súa implicación na ‘D3Mobile Metrology League’, parte da responsabilidade do seu éxito.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.02.2013.