Ir o contido principal

Máis de 1.200 alumnos de toda Galicia coñecen as instalacións e servizos dos campus de Santiago e Lugo

Máis de 1.200 alumnos de catorce centros de ensino secundario de toda Galicia visitarán este mércores 4 e o xoves 5 os campus de Compostela e Lugo dentro dos ‘Encontros na zona USC 2009’. Trátase dunha iniciativa enmarcada no programa ‘A Ponte’ que pretende deste xeito dar a coñecer aos futuros estudantes a estrutura e os servizos da institución académica.
En Compostela estableceranse un total de tres grupos que percorrerán os campus Norte e Sur así como outros espazos que integran o patrimonio histórico da Universidade, o Museo de Historia Natural Luis Iglesias ou o Centro Superior de Hostalería de Galicia. Na quenda da mañá, as visitas partirán simultaneamente dende as residencias Burgo das Nacións (Campus Norte) e Monte da Condesa (Campus Sur) a partir das 10:45 horas.
O percorrido a realizar na zona norte comezará nas facultades de Filoloxía e Ciencias da Comunicación, para logo dirixirse ás de Ciencias Económicas e Empresariais; Ciencias da Educación e Traballo Social; Enfermaría, Medicina e Odontoloxía; para rematar en Xeografía e Historia e Filosofía.
A visita a Dereito, Relacións Laborais e Ciencias Políticas será a primeira etapa do percorrido polo Campus Sur, que logo se dirixirá a Química e Física; Bioloxía e Farmacia; Matemáticas e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría; Óptica e Optometría; rematando en Psicoloxía e Ciencias da Educación.
Pola tarde, con saída ás 16:00 horas, o grupo realizará unha visita ao patrimonio Histórico da Universidade (dende o Colexio de Fonseca) para logo dirixirse ao Museo de Historia Natural Luis Iglesias e rematar no Centro Superior de Hostalería de Galicia.
Campus de LugoNo campus lugués realizarán as visitas medio cento de estudantes, que partirán ás 10:00 horas da Residencia Bal y Gay con catro posibles itinerarios. O primeiro para visitar Enfermaría, a Biblioteca Intercentros e Veterinaria e o Hospital Clínico Rof Codina. Outro centrarase na Escola Politécnica Superior e a Intercentros. Unha terceira transcorrerá por Relacións Laborais, Administración e Dirección de Empresas e novamente a Biblioteca do Campus. Finalmente, o cuarto grupo achegarase a Humanidades e á Escola de Formación do Profesorado.
A PonteO programa ‘A Ponte’ pretende acercar a universidade e os seus servizos aos estudantes de ensino medio e á sociedade en xeral, transmitíndolles información e respondendo a dúbidas que van desde a propia matrícula ou número de prazas por titulacións ata as bolsas ou saídas laborais das diferentes carreiras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.03.2009.