Máis de 2.000 estudantes de secundaria danse cita en Compostela no marco dos ‘Encontros na zona USC’

Os ‘Encontros na zona USC’ congregan a máis de 2.000 estudantes de secundaria que visitan o Campus de Compostela para coñecer de primeira man aulas, laboratorios e bibliotecas da Universidade. Esta iniciativa do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’ pretende achegar a oferta de grao ao alumnado de ensino medio. Con esta vontade, móstranselles as instalacións coas que se van atopar cando inicien a súa formación universitaria, ademais de orientar a elección dos seus futuros estudos. Os ‘Encontros na Zona USC’ vivirán unha segunda xornada o venres 4 de marzo e chegarán ao Campus de Lugo os días 23 e 24 deste mes.
O itinerario atópase estruturado en trece percorridos. O grupo que se deu cita na residencia universitaria Burgo das Nacións, puido acceder aos itinerarios de Filoloxía e Ciencias da Comunicación, Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias da Educación e Traballo Social, Odontoloxía e Enfermaría e Xeografía e Historia e Filosofía. Doutra banda, o grupo que partiu de Monte da Condesa puido gozar dos percorridos de Dereito, Relacións Laborais e Ciencias Políticas e Sociais, Química e Enxeñaría Química, Bioloxía e Farmacia, Enxeñaría Informática/Intelixencia Artificial e Matemáticas, Física e Matemáticas, Física e Química, Óptica e Optometría e Farmacia, así como Psicoloxía e Ciencias da Educación.
Xa en quenda de tarde o alumnado participante pode visitar as residencias universitarias Burgo das Nacións e Monte da Condesa, así como o Centro Superior de Hostalaría de Galicia. Nestas visitas, ademais do profesorado responsable dos centros, participa o alumnado titor dos distintos centros universitarios, encargado de dirixir os mozos e mozas polo campus e comentarlles a súas vivencias na USC. En total, a USC conta con 2.064 estudantes inscritos nesta iniciativa e procedentes de 43 centros de ensino medio de toda Galicia.