Ir o contido principal

2013, un verán dos mellores en Compostela aínda que o quinto ano máis chuvioso dos últimos trinta

2013, un verán dos mellores en Compostela aínda que o quinto ano máis chuvioso dos últimos trinta
2013, un verán dos mellores en Compostela aínda que o quinto ano máis chuvioso dos últimos trinta

O verán de 2013 foi un dos mellores das últimas décadas, segundo se desprende do resumo meteorolóxico de 2013 da cidade de Santiago elaborado polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, centro colaborador da Agencia Estatal de Meteoroloxía. Iso si, á marxe da época estival o que acaba de rematar foi un ano chuvioso, con máis de 2.300 litros/m2 recollidos, “algo que non sucedía dende 2006 e que o converte no quinto máis chuvioso das últimas tres décadas”. advirte o director do Observatorio, José Ángel Docobo. Os meses de xullo e agosto foron especialmente secos e soleados, con máis de 300 horas de Sol en agosto (e só 34,0 l/m2 de choiva en seis xornadas) e 282 en xullo (con cinco días de choiva e 12,7 l/m2). Precipitacións En 2013 medíronse co pluviómetro manual da estación meteorolóxica do Observatorio 2.308,6 litros/m2 en 181 días, aos que cómpre engadir outros 16 nos que a choiva recollida foi inapreciable (inferior a 0,1 l/m2). Con esta cantidade total de precipitación, 2013 convértese no quinto ano máis chuvioso dos últimos trinta. Ademais, en 2013 houbo 11 días de tormenta, sete con sarabia e ningún con neve. Outubro foi o mes con maior cantidade de choiva (532,7 l/m2), seguido de marzo (404,9), xaneiro (329,3) e decembro (284,9). Pola contra, as precipitacións foron escasas nos meses de agosto (12,7 l/m2), xullo (34,0), xuño (55,4) e setembro (83,7). O día máis chuvioso foi o 21 de outubro, con 123,0 l/m2, e xunto a el o 23 de decembro (79,8 l/m2) e o 18 de xaneiro (79,0). Temperaturas En termos de temperatura, a máxima de 2013 tivo lugar o 6 de xullo con 36º9, mentres que a mínima, de -1º5, mediuse o 8 de decembro. Docobo destaca a vaga de calor sufrida en xullo con 13 días con máximas superiores ós 30 graos. Ademais, houbo outras sete xornadas en setembro, dúas en agosto e unha en xuño nas que os termómetros superaron tamén a trintena. A noite máis cálida do ano foi a do 7 de xullo, cando a temperatura non baixou dos 19º3, seguida da do 9 do mesmo mes, cunha mínima de 18º7. Pola contra, só houbo tres días con mínimas negativas: 8 de decembro (-1º5), 9 de decembro (-1º3) e 15 de marzo (-0º2). O 8 de febreiro chegouse aos 0º e noutros 8 días a temperatura mínima marcou rexistros entre 0º e +1º. En total, foron 63 as xornadas con mínimas entre 5º e 0º. Os días con temperatura máxima máis baixa resultaron ser o 22 de xaneiro con 6º9 e o 23 de febreiro con 8º0. Insolación A insolación total do ano, 2.194 horas e 50 minutos, representa o 50,1% das posibles horas de Sol e é a cuarta cifra máis alta nos últimos 20 anos, só superada en 2005, 2006 e 2010. En 104 días de 2013 medíronse máis de nove horas de Sol, e entre seis e nove noutras 72 ocasións. Pola contra, en 54 xornadas o Sol non brillou na cidade de Santiago, sendo 71 o número de días en que brillou entre cero e tres horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.01.2014.