O 21 por cento das empresas galegas máis innovadoras pertencen ao sector da consultaría e servizos informáticos

O 21 por cento das empresas máis innovadoras da economía galega ofrecen servizos intensivos en coñecemento (SEIC), fundamentalmente informáticos, de I+D ou de consultaría diversa, segundo apunta o profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC Manuel González López na súa tese ‘Crecemento e dinámica territorial dos servizos a empresas intensivos en coñecemento e o seu papel no sistema de innovación nas economías periféricas. O caso galego’, cualificada con sobresaliente ‘cum laude’.
Na mesma liña, este traballo recolle que, dentro do grupo das empresas SEIC que máis innovan, o 35 por cento fano en servizos e o 15 por cento en bens. Concretamente, as sociedades de software e outros servizos informáticos son especialmente activas introducindo novidades.
Non obstante, a contribución destas compañías ao esforzo total en innovación na economía galega, medido polo gasto e o emprego en I+D, é bastante reducido, só dun 5 por cento, fronte á media española que chega ao 17 por cento. Manuel González explica que estes datos se deben ao “escaso tamaño das empresas galegas” en comparación coa resto do Estado.
Sobre a mesma cuestión, este profesor da USC lembra que as actividades innovadoras son “moi importantes” porque lle facilitan aos seus clientes coñecementos especializados. Porén, no caso galego, e ao contrario que noutros países europeos, son as universidades as máis empregadas como socios para levar a cabo proxectos de innovación, fronte ás empresas SEIC.
Por estes motivos, Manuel González advirte que as políticas públicas deben incrementar o apoio á merca de servizos innovadores por parte das pemes así como adaptar as políticas de innovación ás particularidades deste tipo de empresas SEIC máis dependentes de capital intanxible, capital humano ou de investimentos físicos.
Crecemento das SEIC en GaliciaSobre o crecemento dos servizos a empresas intensivos en coñecemento (SEIC) en Galicia, o autor desta tese sinala que experimentaron nos últimos anos un crecemento espectacular. Así, o incremento do emprego foi superior ao 7 por cento anual na última década e multiplicou por catro o experimentado pola economía galega no seu conxunto.
Na actualidade, os SEIC aportan ao redor do 8 por cento dos afiliados á seguridade social en Galicia, o que os sitúa, en termos de emprego directo, a un nivel parello ao rexistrado nas actividades agrarias e pesqueiras no seu conxunto.
Localización das SEIC en GaliciaManuel González apunta que estas empresas se localizan maioritariamente nas áreas urbanas, destacando que a comarca coruñesa é a que máis empresas rexistra deste sector, sumando un 27 por cento do total en Galicia, seguida de Vigo, cun 23 por cento, e de Santiago, con máis dun 11 por cento.
A pesares destas cifras, Galicia é deficitaria neste tipo de servizos sendo parte da demanda cuberta por empresas do exterior. Pola contra, as galegas teñen dificultades para competir fóra. Este feito está relacionado coa dinámica global deste tipo de actividades que se concentran nas grandes rexións metropolitanas e que, no caso europeo, soe coincidir coas capitais dos diferentes Estados.
O doutor Manuel González López defendeu a tese na que se recollen estes datos ante un xurado presidido polo catedrático da USC Xosé Manuel Beiras e integrado polo docente José Molero e profesores da London School of Economics, da Universidade Complutense de Madrid e de Alcalá, Andrés Rodríguez-Pose, Paloma Sánchez e Luis Rubalcaba, respectivamente. Ademais da máxima nota, este traballo dirixido polo profesor Xavier Vence tamén recibiu a cualificación honorífica de ‘Doutoramento Europeo’.
Profesor da USC, Manuel González López xa realizou varias visitas de investigación en centros de Dinamarca, Francia e Reino Unido, ademais de ter publicados artigos en revistas galegas, españolas e internacionais.