Ir o contido principal

25 anos de voluntariado na USC

Nestas máis de dúas décadas de servizo á comunidade universitaria, máis de 10.000 persoas teñen colaborado nas cerca de 200 actividades propostas por máis de 150 entidades do terceiro sector en Galicia. FOTO: Santi Alvite
Nestas máis de dúas décadas de servizo á comunidade universitaria, máis de 10.000 persoas teñen colaborado nas cerca de 200 actividades propostas por máis de 150 entidades do terceiro sector en Galicia. FOTO: Santi Alvite
O Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU) conmemorou este xoves o seu aniversario a través do foro ‘Diálogos na academia’ coa intención de reforzar e reafirmar as colaboracións coas entidades do terceiro sector
Lugo, Santiago de Compostela

Os ‘Diálogos na academia: 25 anos de participación social e voluntariado na USC’ serviron este xoves para conmemorar o aniversario do Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU) da USC. A vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, presidiu a inauguración deste foro co que se quixo reforzar e reafirmar as colaboracións coas entidades do terceiro sector para a mellora da calidade da oferta académica da USC e dos proxectos das entidades,  así como reflexionar e repensar a participación social e o voluntariado na USC como ferramenta para o compromiso cidadán. A sesión serviu para facer entrega dun agasallo ás dúas vicerreitoras implicadas na posta en marcha e expansión dos traballos da orixinalmente denominada Oficina do Voluntariado, Amelia Gonzalez Méndez e Elena Vázquez Cendón.

Nestas máis de dúas décadas de servizo á comunidade universitaria, máis de 10.000 persoas teñen colaborado nas cerca de 200 actividades propostas por máis de 150 entidades do terceiro sector en Galicia. “A todas estas persoas poderiamos sumar as máis de 3.000 voluntarias e voluntarios de todas as universidades do Estado que colaboraron na limpeza das costas galegas logo do afundimento do Prestige, ou as máis de 30.000 persoas que teñen colaborado nas dezasete edicións da Olimpíada Solidaria de Estudo durante todos os meses de novembro”, explicou o responsable do SEPIU, Javier Agrafojo, tamén presente no acto conmemorativo.

“Botando a vista atrás entendemos que pode ser un bo momento, non só para reflexionar sobre o feito e o que está por facer e mellorar, senón tamén para dar as grazas a toda a comunidade universitaria e ao tecido asociativo que propiciou que unha aposta innovadora entre as universidades do Estado alá por 1996, se convertera nun dos servizos que singularizan a calidade da nosa universidade e o seu compromiso co fortalecemento da sociedade civil”, explicou Javier Agrafojo.

Programa de actividades

Ao foro deste xoves, hai que sumar a actividade que se desenvolverá este venres no Campus de Lugo. A ‘II Xornada de encontro da comunidade de accións e saberes arredor do rural. Primeira transfronteiriza’ comezará ás 9.30 horas, na Facultade de Administracion e Dirección de Empresas lucense. Entre os seus obxectivos, cómpre salientar o deseño de proxectos de aprendizaxe-servizo no ámbito do rural; inserir de forma directa a participación das entidades do terceiro sector no deseño e desenvolvemento de proxectos de aprendizaxe-servizo; dialogar entre todos os axentes participantes sobre as posibilidades da aprendizaxe-servizo como ferramenta de mellora dos proxectos de acción no medio rural; e promover o desenvolvemento de proxectos de aprendizaxe-servizo interdisciplinarios e intercampus, apostando pola institucionalización de proxectos de aprendizaxe-servizo.

 Ademais, o pasado mércores desenvolveuse en liña a II Xornada de voluntariado universitario, impulsada dentro das actividades desenvolvidas pola Rede Galega de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento, e financiada mediante un convenio de colaboración entre as tres universidades galegas e a Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Turismo, e que conta ademais co impulso do Subgrupo de traballo de voluntariado universitario do GT de Cooperación da Comisión Sectorial de Internacionalización e Cooperación-CRUE. Esta xornada serviu para repensar os obxectivos das unidades para o fomento da participación social e do voluntariado nas universidades, poñer en valor a investigación na academia como vía para evidenciar as competencias adquiridas polo alumnado durante a súa participación en proxectos con voluntarias/os, coñecer boas practicas na xestión de proxectos nos programas Erasmus + e adquirir habilidades dixitais para o fomento da participación do estudantado en novos tipos de proxectos de voluntariado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.11.2021.