Ir o contido principal

Un total de 525 persoas coñeceron o patrimonio histórico da USC na campaña de verán do programa 'Universidade Viva'

O vicerreitor de Cultura, Elias J. Torres, xunto coa coordinadora de 'Universidade Viva', Lanzada Calatayud durante a presentación dos datos
O vicerreitor de Cultura, Elias J. Torres, xunto coa coordinadora de 'Universidade Viva', Lanzada Calatayud durante a presentación dos datos
A edición estival, que comezou o pasado 4 de xuño, desenvolverase ata o vindeiro 29 de setembro

A campaña de verán de 2007 do programa ‘Universidade Viva’ achegou, durante os meses de xuño e xullo, o patrimonio histórico-cultural da USC a un total de 525 persoas a través de visitas guiadas por titulados da propia Universidade, segundo puxo de manifesto o vicerreitor de Cultura Elias J. Torres nun encontro cos medios de comunicación celebrado este xoves, día 9, no Colexio de Fonseca.
Na mesma liña, a coordinadora do programa, Lanzada Calatayud, que acompañou ao vicerreitor, destacou o notable incremento da cantidade de visitantes con respecto á pasada edición e indicou que dende xaneiro de 2007 ata a actualidade xa sumaron 1370 participantes en ‘Universidade Viva’. Ademais, resaltou que o percorrido pola universidade inclúe o punto visitable máis alto da capital galega, a terraza da Facultade de Xeografía e Historia.
Sobre o futuro do proxecto, Elias J. Torres adiantou que, en outubro, levaranse a cabo programas específicos destinados a cidadanía compostelá como, por exemplo, acordos cos centros educativos e amenizaranse as visitas con dramatizacións e pezas musicais.
Organizada pola USC, co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, a campaña de verán deste programa comezou o pasado 4 de xuño e continuará desenvolvéndose ata o 29 de setembro co fin de facilitar ás persoas interesadas o percorrido polos espazos máis emblemáticos da Universidade de Santiago e, ao mesmo tempo, mostrar os aspectos máis relevantes do seu presente.
Novidades desta ediciónNesta edición do programa, as principais novidades foron a creación dun equipo estable de guías, o incremento da calidade e cantidade de material publicitario e a colaboración coas entidades turístico-culturais da cidade compostelá. Ademais, os horarios das rotas guiadas de luns a sábado ampliáronse a seis visitas diarias que comezan ás 10:00, 11:00, 12:00, 16:30, 18:00 e 19:00 horas.
Os percorridos explícanse orixinalmente en galego, portugués, español, inglés e italiano. O prezo das entradas é de 7 euros para o público xeral e de 5 para a comunidade universitaria, existindo descontos para xente nova, xubilados e colectivos cidadáns. Os billetes poden adquirirse en Unitenda e nun punto de venda no propio Claustro de Fonseca.
Por outra banda, a USC chegou a un acordo co Parador dos Reis Católicos para ofertar as visitas de Universidade Viva aos seus clientes xa que, segundo os resultados das enquisas de satisfacción realizadas aos visitantes durante todo o programa -altamente satisfactorios, cunha media de 8,5 sobre 10-, o perfil do visitante coincide co usuario do Parador.
PercorridoCunha duración de hora e media, o itinerario pasa pola praza e o claustro de Fonseca, a Biblioteca América, o Colexio de San Xerome, a Praza de Mazarelos, a Igrexa da Universidade, a Facultade de Xeografía e Historia e a Casa da Balconada.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.08.2007.