Ir o contido principal

57 fotografías dan voz ao ano 2013 en Compostela

A mostra permanecerá aberta ata o 31 de xaneiro
A mostra permanecerá aberta ata o 31 de xaneiro

Un total de 57 fotografías conforman a mostra ‘Compostela, un ano de Voz’ que dende este mércores e ata o 31 de xaneiro se pode visitar no Colexio de Fonseca. Un paseo pola exposición proporcionará ao visitante un relato auténtico do que foi 2013 para a cidade de Santiago, un ano marcado por terribles sucesos como o accidente ferroviario de xullo ou o asasinato de Asunta Basterra. Nesta cita obrigada da cidade –a exposición vai xa pola súa edición dezaseis- móstranse documentos que dan conta da realidade acontecida en 2013 e reflectida a través dos obxectivos dos habituais fotógrafos de La Voz de Galicia Xoán Soler, Álvaro Ballesteros, Paco Rodríguez e Sandra Alonso. Pero a enorme magnitude e transcendencia informativa dos acontecementos nalgúns casos fixo tamén contar coa colaboración de profesionais como Mónica Ferreirós, Marcos Míguez e Víctor Mejuto. A mostra inaugurouse este mércores nun acto presidido polo reitor Juan Casares Long e no que tamén interviñeron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez; o alcalde da cidade, Ángel Currás; o director Xeral de La Voz de Galicia, Lois Blanco, e o fotógrafo Xoán Soler. Asistiron ademais a secretaria xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, Mar Sánchez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o vicerreitor de Extensión Cultural, Francisco Durán, e Xosé Luis Vilela e Ignacio Carballo, director e delegado en Santiago de La Voz de Galicia, respectivamente. A exposición permanecerá aberta ata o 31 de xaneiro de luns a sábado en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.01.2014.