60 alumnos de institutos de toda Galicia asisten en Física a unha nova edición do Masterclass
Física abriu este xoves 22 as súas portas a un grupo de 60 estudantes dunha ducia de institutos e colexios de toda Galicia que se familiarizaron con actividades relacionadas coa Física de Partículas ao mesmo tempo que outros estudantes de toda Europa, nunha iniciativa conxunta de universidades europeas para desenvolver as mesmas actividades coordinadas polo CERN. A xornada comezou con tres conferencias de divulgación sobre os constituíntes da materia, a forza da natureza e a detección das partículas, da man de Carlos Pajares, Carlos Salgado e C. Santamaria. Na xornada da tarde desenvolverase unha sesión práctica de análise de sucesos acontecidos en choques de partículas producidos no gran acelerador LHC. Esta sesión faise en común cos estudantes doutras universidades mediante audioconferencia. Finalmente realizarase unha verificación de coñecementos adquiridos. A coordinación desta edición do Masterclass en Santiago correspóndelle a Jaime Alvarez-Muñiz
Con esta iniciativa quérese facilitar a aprendizaxe dos fenómenos máis fundamentais da materia e divulgar as investigacións que se realizan na actualidade mediante a colisión de partículas elementais. Os alumnos familiarízanse deste xeito con aspectos concretos deste eido da física a través do contacto con investigadores e da realización de ensaios con datos reais dos seus propios experimentos nesta disciplina.