75 días seguidos con precipitación, record histórico en Compostela
Coincidindo co comezo do inverno, o 21 de decembro de 2013 iniciouse una serie de 75 xornadas nas que nalgún momento do dia choveu na cidade de Compostela, incluíndo aqueles tres con precipitación inapreciable (menos de 0,1 litros/m2). Segundo o criterio da Axencia Estatal de Meteoroloxía, da que é Centro colaborador o Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da Universidade de Santiago de Compostela, meteoroloxicamente falando o día cóntase desde as 8 horas UTC (as 9 en horario peninsular de inverno).
Dende o ano 1947, cando comezou a funcionar a estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico da USC, non se deu unha situación igual, a pesares das duras invernías de moitos anos. Sen ir máis lonxe a correspondente ao cambio de século de 2000-2001. Nestes 75 días, recolleronse en total 997,7 litros/m2, 223,3 l/m2 nos últimos 11 días de decembro; 498,7 l/m2 en xaneiro; 441,2 l/m2 en febreiro, e 34,5 l/m2 nos 5 primeiros días de marzo.
O día máis chuvioso desta serie foi o 23 de decembro con 79,8 l/m2, seguido do 5 de xaneiro con 67,2 l/m2; o 4 de febreiro con 62,8 l/m2, e o 8 de xaneiro con 51 l/m2. Pola contra houbo precipitación inapreciable os días 10 de xaneiro, 22 de febreiro e 5 de marzo. O anterior precedente deste episodio de días seguidos de choiva tivera lugar desde o 28 de novembro do ano 2000 ata o 11 de xaneiro de 2001. Naqueles 45 días chovera incluso moito máis que agora: 1,205,6 litros/m2.
Segundo o profesor Ángel Docobo, director do OARMA,os rexistros de insolación correspóndense tamén con valores mínimos. Así, en febreiro houbo 74,5 horas de sol e en xaneiro tan só 46,5 horas.