O 80% da poboación galega coñece os produtos ecolóxicos, aínda que só os consume un 25%, segundo unha investigación da USC

O 81,3% da poboación galega coñece a existencia e as particularidades dos produtos ecolóxicos, aínda que só algo menos da cuarta parte, un 28,4% recoñece ser consumidor e comprador deste tipo de artigos, segundo se recolle nunha investigación desenvolvida pola licenciada en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos Vanesa Olveira Bouzas, quen precisa neste estudo, no que participaron 625 persoas residentes en Galicia, que as froitas e as verduras frescas representan o 55,6% dos produtos ecolóxicos mercados polos consumidores.
Outra das achegas feitas por esta doutoranda do concello coruñés de Muros, é a que atinxe aos motivos que propician que os consumidores se decanten por mercar alimentos ecolóxicos e que, fundamentalmente, son a consideración de que se trata de produtos máis saudables e cuxo sistema de cultivo e produción resulta máis respectuoso co medio ambiente. Estes datos son algunhas das conclusións ás que chegou Vanesa Olveira na súa tese de doutoramento, titulada ‘Aplicación de técnicas sensoriais e físico-químicas para avaliar a influenza do sistema de cultivo ou de conservación nos produtos vexetais’ e dirixida polas profesoras da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago Ángeles Romero e Lourdes Vázquez. A tese de doutoramento de Vanesa Olveira atópase estruturada en dous capítulos. No primeiro, esta investigadora pretende coñecer a influencia do sistema de cultivo (ecolóxico e convencional) sobre as características sensoriais de produtos vexetais (fresa, tomate, kiwi), así como o grao de aceptación/preferencia por parte do consumidor. Nesta primeira fase da investigación tamén se busca determinar os hábitos de compra do consumidor cara os produtos procedentes da agricultura ecolóxica. No estudo e avaliación das características organolépticas por parte dos consumidores, os ensaios a cegas indican que a aceptación e preferencia en función do sistema de cultivo muda en función do produto do que se trate. Existen, sen embargo, diferenzas puntuais entre as características organolépticas advertidas polo panel de catadores entre os alimentos ecolóxicos e os convencionais, factores que, en gran medida, segundo precisa esta investigadora, xustifican a elección do consumidor. Olveira Bouzas aborda no segundo capítulo da súa tese o estudo da influencia do envasado en atmosfera modificada, en formato palet, en diferentes produtos vexetais, tales como o tomate, o pemento de Padrón ou as xudías verdes. Os resultados deste estudo apuntan que a técnica de envasado en atmosfera modificada en palet antóllase como un complemento á conservación por refrixeración para alargar a vida útil do tomate e do pemento de Padrón. Tribunal da tese A catedrática da Universidade da Coruña Purificación López Mahía presidiu este mércores na sala de xuntas da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo o tribunal encargado de cualificar a tese de doutoramento de Vanesa Olveira Bouzas e do que actuou como secretario o profesor da USC Manuel Vázquez Vázquez. Os profesores Encarnación Fernández Fernández, da Universidade de Valladolid; Juan Mesas Mesas, da Universidade de Santiago, e Victoria González Rodríguez, da Universidade da Coruña, tamén formaron parte deste tribunal.