Ir o contido principal

Un total de 95 estudantes brasileiros cursarán estudos este ano no Campus de Lugo

O grupo de alumnos brasileiros que este ano cursarán estudos no Campus de Lugo, durante o acto oficial de benvida celebrado na Escola Politécnica Superior
O grupo de alumnos brasileiros que este ano cursarán estudos no Campus de Lugo, durante o acto oficial de benvida celebrado na Escola Politécnica Superior
A este grupo engádense outros 30 chegados a través de convenios bilaterais con centros de Hispanoamérica e 60 máis dos programas Erasmus, Erasmus Mundus e SICUE

O Salón de Actos da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo foi o lugar elixido para o acto de benvida ao grupo de 95 alumnos procedentes de 45 universidades brasileiras que este ano van cursar estudos na USC, no marco do programa Ciência sem Fronteiras. Nesta recepción oficial participaron o vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Víctor Millet; o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus Lugo, Pedro García Herradón; o director da Escola Politécnica, Javier Bueno Lema; e o decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos. Estes dous centros serán os que acollan nas súas aulas o grupo de participantes neste programa. Millet animou os alumnos brasileiros a participar nas actividades da USC máis alá da súa formación académica, e a integrarse nunha cidade “cunha intensa vida cultural e nocturna”. García Herradón, pola súa parte, amosou a “dispoñibilidade total” da súa Vicerreitoría e da comunidade universitaria do Campus de Lugo “para aclarar todas as dúbidas e facilitar en todo o que estea na nosa man a vosa estancia nesta cidade e neste campus”. Nesta liña, a continuación do acto de benvida o persoal do Servizo de Relacións Exteriores do Campus de Lugo mantivo cos estudantes unha sesión técnica de información na que se lles explicaron os principais mecanismos de integración académica na USC. Finalmente, os alumnos realizaron unha visita guiada ás instalacións dos centros nos que cursarán estudos. Durante o curso que arranca estes días, case 200 alumnos procedentes doutras universidades de todo o mundo seguirán os seus estudos no Campus de Lugo. Ao grupo de 95 estudantes brasileiros hai que sumar outro continxente de 30 alumnos máis procedentes de toda Hispanoamérica (principalmente de México) a través dos convenios bilaterais asinados pola USC con universidades da outra beira do Atlántico. Ademais, a través do programa Erasmus chegarán outros 40 alumnos de toda Europa, aos que hai que engadir outros 13 procedentes de universidades do resto de España a través do programa SICUE. Finalmente, un grupo de 10 alumnos participantes no programa Erasmus Mundus e que xa estiveron en Lugo no curso pasado, continúan este ano a súa formación na capital lucense. De esquerda a dereita, Ann Forryan (do Servizo de Relacións Exteriors de Lugo), Javier Bueno, Pedro García Herradón, Víctor Millet e José Manuel Martínez Ageitos O grupo de 95 alumnos brasileiros procede de 45 universidades diferentes deste país suramericano

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.09.2012.