Ir o contido principal

La AAAAUSC nomea o restaurante Fonte do Rei de Lugo como primeiro socio protector da entidade no campus lugués

A vogal da AAAAUSC Julia Melgar, entre os responsables do restaurante Fonte do Rei de Lugo
A vogal da AAAAUSC Julia Melgar, entre os responsables do restaurante Fonte do Rei de Lugo

A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago de Compostela (AAAAUSC) vén de nomear ao restaurante Fonte do Rei de Lugo como o primeiro socio protector da entidade no campus lugués, un recoñecemento que a vogal da xunta directiva da AAAAUSC no campus de Lugo, Julia Melgar Riol, fixo público coa entrega dun diploma acreditativo aos responsables deste establecemento de hostalería.

A figura de socio protector é unha distinción de nova creación ideada pola xunta directiva da AAAAUSC e pensada para recoñecer o traballo desenvolvido por establecementos de calquera segmento de actividade que, dun ou doutro xeito, colaboran coa USC ao tempo que tamén se ven beneficiados pola súa estreita ligazón cos campus universitarios. Na actualidade, son poucas as empresas e establecementos que posúen tal distinción nas cidades de Santiago e de Lugo, aínda que o obxectivo da AAAAUSC pasa por ampliar a súa nómina de socios potectores para así afianzar tamén a presencia da propia asociación no contexto social das dúas cidades universitarias, segundo indicou Melgar.

Os obxectivos da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC, unha entidade con personalidade xurídica propia, privada e sen ánimo de lucro constituída como tal o 24 de febreiro de 1996, pasan por fomentar as relacións entre compañeiros/as, afondar na relación dos seus membros coa USC, así como prestar axuda material e moral á USC para contribuír á súa mellora e desenvolvemento. O progresivo vencello da asociación aos fins e obxectivos da USC, a contribución ao cumprimento das funcións sociais da Universidade a súa proxección cultural cara a unha maior vertebración da sociedade galega coa USC son outros dos cometidos da AAAAUSC.

Asemade, todas as persoas que formalicen a súa adhesión á Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC poderán dispoñer dunha serie de servizos e prestacións, tales como o son a tarxeta universitaria ou a liberdade para acceder a instalacións deportivas, residencias universitarias..., ao tempo que tamén poderán participar noutras actividades como relatorios, excursións, viaxes, expedicións de sendeirismo....

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.05.2014.